Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fernando Arrizado

Galeguiñismo

14:26 31/10/2009

O Galeguiñismo* é a nova imaxe do produto que vendemos con éxito desde hai séculos no mercado galego. Foi o incipiente -aínda que cativo- medre do noso rival directo, o Galeguismo, que obrigou ao redeseño da estratexia de márketing. Os accionistas maioritarios alzaron a voz e protestaron. Querían un cambio e aquí está: Xa non hai galegos galeguistas, agora todos somos galeguiñistas.

O Galeguiñismo gusta da estética galeguista, que copia, mais desbota a súa ética. Conservamos a nosa, que de sempre tanta aceptación tivo entre a clientela. Non mentimos, embelecamos. "A propaganda non engana a xente, axúdaa a se enganar". Citar os mortos sempre funciona: Gandhi, Mandela, Pessoa, ... e sobre todo Castelao, Brañas e Piñeiro.

Tire, galeguiñista, destas liñas cando a dicotomía entre o proferido e o sentido lle cause envurullo. Vostede non lle ten cariño á Terra, vostede ama Galicia. É o maior valedor da lingua galega, que ninguén lle apoña o contrario: pechar as galescolas ou derrogar o decreto do galego no ensino son exercicios en defensa da liberdade de elixir. Elixir mesmo esquecemento e agnosia.

Lembre! A cidadanía escolleu libremente o seu destino. Lexitímanos a voz, da rúa, que está co Galeguiñismo: aberto, acolledor, amábel, cívico, cordial, demócrata, humanista, plural, sen imposicións e, por suposto, bilingüe en harmonía (sexa o que sexa).

Porque nós, e non os galeguistas, cremos de verdade na cooficialidade: respectamos por igual os que se expresan en castelán e os que se queixan en galego. Somos bisectriz, lugar xeométrico de dous puntos equidistantes. Evite o xogo sucio, hai quen o fai por nós. Que estremen pola dereita. Mellor. Sempre avanzaremos cara a ela sen deixarmos de ser centro.

Autogoberno? Mañas para rachar España. Para nos administrar -e non digamos para tratar con Portugal, Bruxelas ou Obama- xa está Madrid. Sabémolo ben nós, educados no Foro, que sacrificando (temporalmente) as arelas ministeriais retornamos á terriña para predicar a boa nova: Vivamos como galeguiñistas!

*Galegui(ñi)smo: Movemento social, político e cultural contemporáneo que pretende que Galicia (nunca máis, Galiza) e o pobo galego (los galeguiños) recuperen a súa identidade (tocar a gaita e apañar marisco) e fagan patente a súa personalidade (confundir chuvia con ouriños).


**Nota (discordante): Galiza é unha nación e a súa lingua propia é o galego. Eis o Galeguismo.


-Este artigo foi finalista no I Premio de Xornalismo 'Borobó'

4,45/5 (40 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Fernando Arrizado Abuín (Lugo, 1978) é xornalista e forma parte da Redacción de Vieiros dende xaneiro de 2007. En 2008 gañou o Premio de Xornalismo Johán Carballeira. Ademais, colabora habitualmente con Eurolang e o European Bureau for Lesser-Used Languages. »