Na madrugada do pasado luns ao martes día 14 de novembro estaba escoitando o espazo deportivo El Larguero, da Ser, para saber de se seguían vivos todos os xogadores do Barcelona, que ao ser eu un fanático dos praceres carnais, e por extensión da beleza, é o equipo que máis me gusta. Se fose unha fin de semana común había saber como quedaran os partidos que máis me interesaban, pero ao xogar os equipos das federacións que participan nos mundiais non había liga (xa se sabe que unha fin de semana sen liga é como o leite desnatado, que é leite, pero augado) así que acendín a radio para ver que me contaban os de Prisa.
Pasaban 25 minutos da media noite, xa rematara o espazo dedicado ao fútbol e falaban cun tipo de Toledo que gañou este ano un mundial de motos, pero non o das motos grandes, que ese volveuno gañar Rossi. Cando rematou esta entrevista, o condutor do programa (José Ramón de la Morena) comezou a falar dunha iniciativa que votaron favorablemente no parlamento vasco UpyD, PP e PSOE para pedir que o equipo da federación española vaia xogar partidos a Euskadi. De la Morena chamou a un deputado de UpyD que lle dixo, entre outras cousas, que esa iniciativa ía permitir aos vascos ver a súa selección. Despois falou cun deputado do PNV e este explicoulle que non era competencia do Parlamento Vasco concertar o hipotético partido, e que debía ser a federación española a encargada de falar coas institucións deportivas vascas e os clubs que exercerían como anfitrións. Entón o xornalista preguntoulle que pensaba el, e o deputado do PNV, moi fino, díxolle que non lle gustaba o fútbol. Daquela preguntoulle cal pensaba que sería a reacción da sociedade vasca se xogaban o encontro, e o político díxolle algo así como que habería opinións varias, pero habería xente que non o vería ben. Moitas grazas, díxolle o xornalista, antes de soltar un discurso que pretendía imitar torpemente unha solemnidade semellante á do Edward R. Murrow do filme de Clooney, dicindo que “cada un ten a súa opinión e esta é tan boa como a do resto, pero unha democracia defínea o feito de que o que diga a maioría deba ser aplicado”.
O programa non acabou aí, e despois chamaron a Santiago Cañizares, un porteiro que recordarán os afeccionados do Celta por ter xogado en Balaidos na primeira metade dos anos 90, pero que fixo carreira no Madrid e no Valencia. Cañizares comezou falando de cousas do fútbol e cando se ía despedir o xornalista preguntoulle “A ti fáiche ilusión que a selección española poida xogar no país vasco?” e o futbolista respondeu: “Ilusióname moitísimo e eu penso que se a sociedade vasca recibe a selección española como se merece pode cambiar a imaxe que en España teñen deles, e que está baseada nuns sucesos concretos”. Despois rematou dicindo “porque o fútbol non vai coa política, aínda que algúns se empeñen en iso: o fútbol non é comunismo nin franquismo”. Olé!
O problema aquí non é Cañizares e pode mesmo non ser o de La Morena, o problema é a desmedida irresponsabilidade de quen lle permite a estes dous señores falar desas cousas para milleiros de somnolentos oíntes aos que a canseira deixa desprotexidos. Porque se o fútbol non vai coa política, como dicía o Cañizares, non entendo que fai un espazo deportivo analizando dun xeito tan parcial o que sucede no parlamento vasco. Aquí temos un problema máis grave, que se refire á función vertebradora dos medios comunicación cumpren (para ben ou para mal queda á vontade do lector) na sociedade actual, derivado do seu carácter masivo: os medios deportivos teñen cada vez máis peso na prensa de todo o estado español, incluíndonos aquí forzosamente a nós. Até a década na que vivimos o diario máis vendido era El País, no que escribían García Márquez ou Vargas Llosa; e hoxe o máis vendido é o Marca, no que saen Nadal, Alonso, Gasol, Cristiano Ronaldo ou Messi, que por certo é moito mellor que o portugués. Isto é unha realidade consolidada e non pretendo caer no arquetípico discurso de que as reflexións críticas non existan no xornalismo deportivo, que as hai pero non son habituais nin tampouco as responsábeis do alto nivel de vendas.
O que veño a dicir é que farían ben os responsábeis destes entes mediáticos ou comunicativos (ou como lle queiran chamar a esas macroempresas do microxornalismo) se amosaran un pouco de responsabilidade sobre a ferramenta, enormemente poderosa, que teñen nas súas mans. Teñen a escusa perfecta para acometer unha rexeneración dos seus espazos deportivos, pero antes deben facer unha fonda reflexión sobre de que maneira o xornalismo deportivo debe achegarse á sociedade con dominio da súa enorme forza, porque se non están a crear un monstro. O creador de opinión política escondido detrás de xornalista deportivo non é novo, e foi unha figura que nas últimas décadas exerceu cunha grande efectividade no seu adoutrinamento José María García, pero cada vez chega máis lonxe o eco dos seus brados. Xa abonda de xente como Manolo Lama, Manu Carreño, José Manuel Abellán ou, sobre todo, o tal José Ramón de la Morena. O tipo que quere separar o deporte da política con provocacións como referirse ao presidente do Barça (Joan Laporta) como Juan Lapuerta, chamar ao xogador catalán Francesc Fábregas (máis coñecido como Cesc) polo nome de Francisco, ou dicir que o Athletic de Bilbao é o único equipo que xoga con 11 españois.
Hai que poñerlle cancelas ao dicir cando, ao falarmos apuradamente, cuspimos metralla no canto de saliva, e este é o caso dos que crean opinión velada sen facer un exercicio de responsabilidade ou, aínda peor, sendo conscientes do seu poder pero procurando que non retombe. A segunda suposición implicaría que os donos destes medios conciban a información ou o debate sobre depore como unha ferramenta interesante para seguir espallando a ofensiva españolista que enchía as súas programacións até que a relegou a crise do sistema económico. De ser así, e eu penso que é así, aos que nos gusta seguir o deporte quédanos moito tempo aturando a personaxes como José Ramón de la Morena e os sucesivos clons que vaian aparecendo. O interesante sería ter claro o que nos agarda e se decidimos seguir escoitándoos estar precavidos, porque a puñada doe menos cando bate no músculo que está en tensión.
*Nota: Durante este artigo non me refiro aos espazos reservados nos medios galegos ao deporte porque tanto nos públicos como nos privados (quitando un reducido grupo de excepcións entre as que se atopa este xornal dixital) reproducen os erros antes mencionados. Isto é así porque actúan como pequenas delegacións dos medios estatais, cinguindo ao eido galego o protagonismo de certas prácticas deportivas masificadas e reproducíndoas en función da participación de galegas e galegos nelas, deixando de lado elementos como o deporte de base ou os xogos tradicionais. A consecuencia deste funcionamento é a súa escasa incidencia que, por outra parte, impide a imaxe do xornalista deportivo galego como creador de opinión.
Pablo García Martínez (Arzúa, 1985). É xornalista e na actualidade cursa un máster na Faculdade de Filoloxía de Compostela. Traballou como redactor en Vieiros. Gañador da V edición do Premio Biblos-Pazos de Galicia está a piques de publicar a súa primeira novela. »