Vieiros

Vieiros de meu Perfil


María Seoane

Poder progresista

10:31 22/06/2007

Durante estas últimas semanas as miradas periodísticas e políticas están centradas en dúas cuestións: por unha banda, a conmemoración do trinta aniversario das primeiras eleccións democráticas en España e, por outra, nos pactos de poder que xorden das eleccións do 27 de maio.

Moitos somos os que celebramos teren nacido nunha España e nunha Galicia garantes da democracia participativa, da liberdade e da defensa dos dereitos da persoa como cidadán. Moitos damos grazas a aqueles personaxes (todos) que desde a humildade e a xenerosidade, desde o compromiso e as renuncias persoais e partidarias, desde a responsabilidade de seren conscientes da importancia dun Estado liberal; souberon facer o camiño para chegar hoxe a ser o que somos.

Pero tamén asistimos hoxendía a escenas de verdadeiro espolio democrático. Os mozos que nacemos ao par que o Estatuto de Autonomía de Galicia, que fomos crecendo na crenza de que pagaba a pena o servicio os demáis que implica adicarse á política mirando cara ós que fixeron aquela Transición, que somos conscientes da importancia da participación activa de todos os sectores da sociedade no seu propio futuro, asistimos hoxe perplexos aos "texemanexes" dos pactos de gobernos chamados “progresistas”.

O progreso é cumprir programas de goberno que foron presentados nas campañas electorais, programas que votamos para que se leven a cabo, o progreso é garantir unha ensinanza de calidade, o emprego, a seguridade cidadá, a vivenda, os servicios sociais, os dereitos fundamentais, cousas tan elementais coma que o voto depositado na urna se reflicta no funcionamento dos gobernos.

Nacionalistas e socialistas están adicados estes días a repartir o pastel do poder, con cesións surrealistas que non contan coa vontade maioritaria dos votos e que levan ó desencanto dos cidadáns coa política. Cesións que nos obrigan a soportar que o desenvolvemento de políticas substanciais para o futuro de Galicia estea en mans da opción menos votada. Mentres que o Partido Popular que obtivo a maioría da confianza dos galegos, ten que defender os seus compromisos electorais cos cidadáns dende a oposición, que abofé, os defenderá.

Levamos trinta anos de convivencia democrática que deberíamos de conservar -e mellorar no seu caso-, e a única forma de facelo é que os cidadáns sintan a utilidade do seu voto, defender a participación é esencial para o futuro. A defensa da soberanía popular é inalienable para un demócrata.

2,27/5 (96 votos)



María Seoane

María Seoane Romero naceu en Santiago .É Presidenta de Novas Xeracións de Galicia e concelleira polo Partido Popular na súa cidade natal. Estudiante de Dereito, compaxina a súa actividade co asesoramento e xestión da Fundación cultural Valle – Inclán. »