Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Suso Baleato

Galiza en órbita

11:45 24/06/2007

Era unha rapaza do Eduardo Pondal, chamábanlle Antía. Dicían dela que era poeta e de min disque tamén línguas faladoras que nos fixeron coincidir en torno a un libro cuxa contracapa, por se o título non exercera o suficiente magnetismo, impedía omitir a súa inmediata deglución literaria en virtude dunha nota na que se informaba da autodisolución do colectivo autor dos poéticos feitos tras a publicación do libro: "Unicornio de Cenouras que cabalgas os Sábados" era o seu título se mal non lembro; todo un espranzador manifesto vital naquiles abafantes noventas do fraguismo que demostraba a existénza de vida intelixente no país, mellorando o daquela presente. Despois chegou o novo século, con él o novo goberno, e co novo goberno botábase en falta tamén un manifesto, unha creación literaria que deixara para a cidadanía -o pobo- do futuro unha pegada visibel na que se puidera recoñecer o signo dos novos tempos e catar o sabor do cambio, unha transición sobrevida á que trinta anos atrás no resto do estado.

Pois ben: xusto cando o momento presente sinala a equidistancia entre o inicio da lexislatura e o seu fin, chega ese manifesto. Quizá como signo dos novos tempos, non chega esta vez da man de artistas, literatos ou poetas, senón dun conxunto de empresarios reunidos baixo o nome de Fundación Galega para a Sociedade do Coñecemento que fai unha proposta clarividente, poderosa, de evidente impacto mediático, futurista como corresponde a un manifesto literario que se preze; grandiosa en palabras do seu ínclito promotor: Galiza terá un satélite de telecomunicacións de seu para reducir a fenda dixital, para ampliar, garantir e mellorar todo o espectro de manexo das telecomunicacións e dos sinais en todo o ámbito de telecomunicacións.

Eis a proclama da nova vangarda galega: situar un satélite galego en órbita, e non en calquera órbita, senón precisamente na que se ubica a Estación Espacial Internacional, as misións do falibel transbordador norteamericano Atlantis e as viaxes das miñas preferidas e nunca ben aprezadas naves Soyuz de fabricación rusa. E pouco importa que os satélites de telecomunicacións deban estar situados en órbitas xeoestacionarias, situadas a uns prohibitivos 30.000 kilómetros do lugar onde a FGSC pretende situar o seu satélite.

Vangarda galega
Pouco importa que un satélite en órbita polar como o proposto por esta nova vangarda galega únicamente poida fornecer -no mellor dos casos- de tres minutos de conexión a internet cada hora e media, e pouco importa tamén que as conexións satelitais requiran previamente de liñas telefónicas capaces de indicarlle ao satélite qué páxina web ou vídeo queremos descargar, que é precisamente o que non teñen aqueles lugares que teóricamente se beneficiarían desta proposta. Pouco importa por que a premisa primeira de todo movemento vangardista é a deconstrucción da ortodoxia precedente: e a ortodoxia competente na extensión da banda larga en Galiza optou en cambio polo uso dos satélites xa existentes primando en todo caso as solucións baseadas en ADSL e WIMAX. E segundo o último informe do Plano de Extensión de Banda Larga, semella que a estratéxia formulada no PEGSI está bastante ben encamiñada constatándose que só o 1,6% das tecnoloxías de acceso a internet na Galiza son de tipo satelital, frente ao 98,4% restantes baseadas nalgunha das posíbeis combinación de WIMAX e ADSL.

Se a motivación da proposta desta FGSC fora reducir a fenda dixital, ou afortalar o tecido industrial TIC galego, ou crecer máis e mellor, ou mesmo supervitaminarse e mineralizarse tecnolóxicamente falando, caberían un gran número de posibilidades. Por exemplo, involucrar a empresas como TELEVÉS na optimización das conexións satelitais en conxunto con algunha das redes comerciais existentes. Ou postos a innovar na órbita polar, poderían ter proposto implementar unha arquitectura de varios satélites situados en planos orbitais ortogonais como ROSAE, que alomenos fornecería unha conexión continuada, se iso fora posibel. Ou quizá poderían ter plantexado algunha acción enmarcada nas políticas comunitárias, ou por qué non, propoñer o uso adicado de transpondedores do satélite máis castizo do espazo exterior que a fin de contas pagamos cos nosos impostos. E no referido á viabilidade económica, abundan estudos ao respeito presentados nos últimos abordando esta posibilidade por exemplo no contexto de África, ou mesmo as investigacións sobre satélites pequenos ou de baixo custe. E mesmo estaría a posibilidade de levantar o teléfono para iniciar unha vía de colaboración coa Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, organismo da Xunta de Galiza competente na materia.

Impacto mediático

Mais ningunha destas posibilidades podía interesarlle á FGSC como tampouco podía o barroco inspirar ao minimalismo; pois tal como expoño, a idea do satélite galego de telecomunicacións só pode encadrarse no eido dos manifestos literarios da Galiza, e a xulgar polo seu impacto mediático, xustificaría por sí próprio a urxente reedición do recente "Manifesta Galiza", volume que recompila os manifestos literarios que se teñen publicado na Galiza. Ou é iso, ou é que a FGSC está a afirmar na conveniencia dun estatus xurídico político de independencia pra Galicia que permita equiparar, alomenos a ises efectos, ao noso país coa India tal como se afirmou durante a presentación desta iniciativa de vangarda.

Queda en todo caso emprazado o señor López-Isla, vicepresidente de Unión FENOSA (a Nosa Terra é nosa, etc) e director da Área de Investigación e Coñecemento da FGSC para apresentar os resultados do tal estudo de viabilidade. Prégolle que teña en conta a natureza dos movementos vangardistas e que considere o exemplo de Ronseltz; non vaia ser que a publicación dos resultados dese estudo de viabilidade deveña na disolución do colectivo manifestante, esto é, do chiringuito en palabras do señor Tahoces. En tanto, disimule que lle pase este artigo de Paul Graham Cómo tornarse nun Sillicon Valley (ou, se o prefire no seu idioma tan-gallego-como-el-gallego, achégolle unha versión abreviada.

PS: Antía, van máis de dez anos que non sei de ti, pero se atopas isto, que tiñas razón: o unicornio deixa unha pegada indelébel, e a non ser que queiras convertir o préstamo en presente, cando queiras quedamos e vóltocho; noutro caso terei que seguir a tradición dos hobbits, xa sabes. Xa o teño escaneado, non vaia ser que a alguén se lle dea por construir unha autovía virtual por riba... digo isto por que o libro ten pinta de círculo lítico do futuro.

3,69/5 (13 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Naceu en Alemaña en 1974. Administrador de sistemas na Xunta, promove o proxecto GNU da Free Software Foundation e é voceiro da Mesa Galega pola Libre Innovación. Gañador na modalidade de poesía do I Certame Literário Anxel Casal participou en experiencias teatrais e publicacións literarias como a revista Dorna. Forma parte dos escritores da Xeración Spectrum.

Artigos anteriores de Suso Baleato en Vieiros:

»