Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Diego E. Barros

Putos mileuristas

10:45 04/02/2010

Foi José Luís Feito o último en sair con que a avoa fuma. Para o responsable de Economía e Finanzas da patronal española a razón da actual crise que soporta o Estado é o elevado salario que perciben os traballadores españois e que, unido ó caro que resulta despedir a alguén aquí fai desto un sindiós de aquí a Nova Celandia.

O tal Feito algo debe saber no tocante a salarios xa que cobra catro: ó que percibe como responsable monetario da CEOE hai que sumar os que ingresa como presidente do lobby das autopistas españolas (ASETA), da súa homóloga europea (ASECAP) e máis do Instituto de Estudios Económicos. Un pluriempregado en toda regra que até un dubida de como fai o tipo para dispoñer de tempo e sair, o pasado martes, a dar unha conferencia de prensa para queixarse dos sacrificios aos que teñen que facer fronte os emprendedores –o de empresarios vende mal en tempos de crise--, para manter a flote as empresas e pagarlle ós empregados un salarios tan estratosféricos que cómpre recortar xa, se se quere sair da crise antes da próxima glaciación.

Polo apretado da súa axenda profesional, a súa queixa saíu o mesmo día no que se fixo público un estudo de Adecco que sitúa os salarios españois un 50% inferiores ós percibidos polos traballadores de países da contorna como Alemania, Reino Unido ou Holanda e, en xeral un 20% menos que o salario medio da UE, segundo Eurostat. Simple aritmética xustificou Feito para quen os 1.600 euros (redondeando polo baixo) de salario medio en España, segundo o INE, están na raíz de todos os nosos problemas. Son cifras “moito maiores” das percibidas en Europa. É o que ten a ditadura da aritmética. Hai veces que dous é máis que catro. Un sempre foi desconfiado coa estatística. En especial coa dos salarios. É como aquel conto de que hai sete mulleres por cada home e hai quen se pregunta quen andará con catorce por aí. Boto unha ollada ao redor e busco entre os meus xente que chegue a eses 1.500 ao mes. Vaia por diante que non coñezo a ningún controlador aéreo. Quitando funcionarios, sóbranme dedos na man e só vexo mileuristas, aquela excepción de hai anos, agora convertida en regra e que resulta que para a patronal está na orixe de todas as desgrazas. De aí que Díaz Ferrán sexa, en realidade, un visionario na procura de solución ó problema. Directamente non pagar. Claro que, ben mirado, van ser ó final os controladores aéreos os culpables da aritmétrica que tanto amola á patronal.

E nós falando dos bancos e da avaricia empresarial que creron que as vacas gordas serían eternas cando a cousa era bastante máis sinxela e a solución estaba diante dos nosos fuiciños. Putos mileuristas.  

4,73/5 (22 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Diego Espiña Barros (Forcarei, 1979) é xornalista. É licenciado en Filoloxía pola USC e en Xornalismo pola Carlos III de Madrid e ten un master en Estudos Culturais hispánicos pola Western Michigan University. Tras o paso por varios medios galegos agora só escribe que, nos tempos que corren, non é pouco. »



Anteriores...