Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Xoán Vázquez

A rúa perténcelles aos parados

12:21 22/05/2010

Certo, a excepción de Paul Krugman, e moi poucos máis, cando a prensa anglosaxona pousa os ollos no de nós e sacan a tinta a pasear hai bastantes máis abouxo ca noticias, máis mordacidade ca análise; hoxe pode non ser o caso.  E iso (o do abouxo e maila mordacidade), aínda cando de seu xa irritante, non é o máis grave, aínda que tamén, pois desa percepción dependen múltiples investimentos e exportacións innumerables, ou sexa, feixes de postos de traballo; logo, queiramos ou non, vivimos nun mudo onde as percepcións teñen o seu peso, que non é pouco. Quen tiver dúbidas que llo pregunte a Grecia, onde as folgas da ignorancia están levando a industria do turismo á ruína, con tódalas moitas consecuencias que de aí se poden extrapolar: máis desemprego, menos  recadación de impostos, e pois claro, menos fondos públicos cos seus inevitables recortes nas prestacións sociais e mais nos soldos do Servizo Civil. Farto favor se están facendo os empregados do Servizo Civil en Grecia: labrándose, con brutal dilixencia, a súa próxima baixa salarial, e apagando a pouca empatía e solidariedade que aínda poidan espertar no resto da sociedade, se é que lle queda algunha. 

Imos cuns exemplos máis nosos e menos conxunturais: Os que desas cousas saben din que o aceite de oliva de Andalucia e mailo dos outros hispánicos lugares é do mellor do planeta, non obstante o que se vende a prezo de ouro é o italiano.  Nos Estados Unidos, nos lugares onde a poboación galega ou cubana (que para os efectos é a que verdadeiramente conta) escasea non se atopan conservas galegas, nin a primeira – onde haberá conservas mellores?-, non obstante, tódalas tendas están ateigadas de conservas escandinavas, e aínda tamén abondan, pois claro, as italianas. Repítese a historia cos viños, non se zafa nin o glorioso Albariño Rias Baixas. E así mil e tantos outros produtos de calidade incomparable, desde os queixos manchegos aos xamóns, cal for a cor da pata, e aínda tantos outros ibéricos manxares.  Mais no que se refire á gran desfeita económica, ao desgoberno do Estado, ao proverbial “pasotismo” - que non é senón unha triste mestura de impotencia e frustración-, aínda que poñan a tinta a remollo e envorque sobre nós toda a súa moita soberbia e notable condescendencia, halle custar traballo dar con esaxeracións que comparen á triste realidade. Desta volta, non hai dúbida, ven o que hai. E o que hai é vergoñoso, humillante, e terriblemente preocupante.  Que disfruten ou non do indagar nas nosas feridas, que cando falen de nós o índice de mesquindade se acaroe a unha manifestación de pracer perverso, arestora pouco importa e nada contribúe a resolver unha situación cada día máis desesperante. E vendo –como de feito ven- o que hai, han seguir vendo o que veña. E o que vén para o oito de xuño é unha afirmación máis da pobreza cívica dun país en plena decadencia moral: a folga da soberbia, da mesquindade e da ignorancia. E así o han reportar. Algúns han dicir que é acritude e desprezo, outros habémonos resignar a recoñecer que o que din é simplemente a verdade. Xa o estou vendo, espallado por tódolos xornais do planeta: “No medio da crise económica máis devastadora da era moderna, con catro millóns e medio de cidadáns no paro, milleiros de familias xa nas filas das cociñas públicas, en España, abrigados polos lideres sindicais, os únicos que se manifestan son precisamente o único sector da poboación que ten o seu traballo garantido.” Non quero nin intentar extrapolar a percepción que han extraer de nós os lectores deses xornais, as consecuencias desas percepcións nefastas, pero acertadas, nos nosos productos de exportación, pois sexa cal for, xa sei que non ha ser peor cá realidade: somos un pobo a risco de perder o compás moral, extraviado nun desnorte cívico-social pavimentado polo hedonismo, por ende, un pobo decadente.

Ou sexa, os catro millóns e pico que están no paro, as súas familias facendo fila nas cociñas públicas, os meniños incapaces de comprender a tristeza e amargura nos ollos de mamá, o tremer das noutrora firmes mans de papá, o seu silencio e apatía, o seu ollar de ollos cansos e sorriso forzado, todo iso pouco importa, o único importante neste país decadente, en plena bancarrota moral, son eu. Eu son o único importante, eu e mailo 5% do meu soldo que no medio da crise económica máis grave da era moderna, se cadra de tódolos tempos, me han sacar. E hanma sacar polo simple feito de que non teñen medios de ma pagar. Farto sacrificio. Mesmo, tan grande é o  sacrificio que merece unha folga xeral, correctamente liderada polos máis altos lideres sindicais. Porque eses catro millóns e pico que están no paro, eses meniños de sorriso magoado, esas nais humilladas, eses, meus pobres, non sabían que vivían nunha sociedade feudal, e hai que rebaixarlle as axudas, as migallas, para restituír o meu 5%.  Pouco importa que terminen indixentes, ou emigrando coma tantos outros, xa millóns,  antes ca eles; canto antes marchen, antes deixan de estorbar. Iso si é facer país.

E han tomar a rúa.  Han xuntar millóns de persoas, xa se fala de incorporar os pensionistas para así inxectarlle un mínimo de dignidade a esta xuntanza da desvergoña e do descaro. Mais o dos pensionistas non cho teñen tan claro: os máis dos nosos maiores si entende o significado do sacrificio e da solidariedade, e moi poucos se han prestar a esta patraña. Nunca tanta hipocrisía axuntou a tantos en tan pouco tempo. Dous millóns e pico de persoas poden ser mobilizadas en todo o Estado. Un número verdadeiramente impresionante; tan impresionante é ese número que case equivalente a metade dos que están no paro, que xa é moito falar, os mesmo das cociñas públicas, dos meniños que ven como se esvaecen os sorrisos, que sinte descender sobre os seus fogares un frío e amargura que non dan en entender. Frío e amargura que os ha deixar marcados de por vida, magoados para sempre, resentidos cunha sociedade soberbia e mesquiña que lle roubou a seus pais o único que lle quedaba: o dereito a tomar a rúa en protesta e reclamo. A rúa agora xa non é deles, ata iso lle sacaron. A rúa agora pertence aos que teñen traballo, fixo, permanente, con probabilidade case inexistente de rematar na desgraza do paro; ou sexa, a rúa é dos privilexiados. Sempre foi.

Pois non, meus queridiños, a rúa non é miña nin vosa, nin dos hipócritas que vos acompañen; a rúa perténcelles aos parados, ás nais humilladas que fan fila nas cociñas públicas e aos meniños do sorriso magoado. O día que esperten eses catro millóns e pico, e mailos outros tantos que con eles comparten a viaxe da amargura,  ese día han tremer as propias fundacións do Estado. Ese día habemos saber de quén é a rúa. Sigamos neste camiño de desnortes soberbias e mesquindades, sigamos facendo invisibles aos noso que están na pobreza e no paro, e ese día, ai! ese día.  Mellor nin pensalo.
 

3,22/5 (27 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xoán G. Vázquez Sanlés nado na parroquia de Xuño, en Porto do Son (1957). É licenciado en Informática na Kean University e traballa para o Estado de New Jersey (EUA). »



Anteriores...