Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fernando Garrido

eAdministración: entrando en órbita

11:01 13/07/2007

Onte. En Vigo xuntaronse unha morea de altos cargos, entre eles ministros e ministras, co presidente do estado para presentar o novo plan de I+D+I, que chega no seu alcance ata o 2011. As liñas maestras do plan non son moi diferentes, moi distintas das que coñecemos ate o de agora, pero sí é unha boa nova que Vigo poida ser considerada como a cidade máis axeitada para a presentación deste plan. Xa sabemos da importancia dos símbolos, e este pode ser un sintomático simbolo do papel que pode xogar a nosa urbe máis industrial nun estado que tenta avanzar no gasto en I+D.

A Fundación Orange (antes Fundación FranceTelecom, antes Fundación Auna, antes Fundación Retevisión) confirmou onte o peche da súa brillante sección de ánalise coa publicación do xa clásico informe eEspaña, o informe de referencia na análise do desenvolvemento da Sociedade da Información en España. Os principais titulares xiran en torno á perda de postos do Estado, en perspectiva internacional, no desenvolvemento da Sociedade da Información. Pero sabedes todos que cada quén fala da festa segundo lle foi nela, e nós hoxe temos algo que festexar.

Esta Fundación, xunto coa consultora Cap Gemini, levaron a cabo unha análise específica dos servicios de eAdministración nas Comunidades Autónomas, seguindo os dous principais indicadores que emprega a Comisión Europea: o nível de disponibilidade total de servizos online e o grado de sofisticación dos servizos públicos básicos. De cara a medir o nivel de disponibilidade de servizos online tómanse 26 servicios de referencia (16 orientados cara os cidadáns e 10 cara as empresas). Para a nosa sorpresa, porque ningúen me negará que é unha sorpresa, a nivel global e tendo en consideración a media total de disponibilidade de servizos por Comunidade Autónoma, Galiza é a 5ª Comunidade, e non, neste caso non é mirando por abaixo. Mais curioso aínda é que se tomamos como referencia os 16 servizos orientados cara o cidadán chegamos ao terceiro caixón do podium, só superados por Cataluña e por unha Asturias implicada nunha profunda remodelación da súa Administración.

Si, xa non era sen tempo. Sabemos que, xunto co sector bancario, a eAdministración é un dos principáis drivers de uso das TIC. Non é moi probábel que os galegos e galegas que non están conectados muden a súa percepción da rede por mor da comunicación, do xogo, ou dos contidos para adultos. Porén, sabemos que aforrar tempo e trámites burocráticos é unha das mostras máis directas que pode facer a administración das posibilidades das TIC, logo unha mostra moi clara da utilidade da mesma, e mudar a percepción social da rede é un obxectivo crítico para conquerir a idílica axenda de Lisboa. Mais para Lisboa aínda quedan uns anos e hoxe toca dar os nosos (merecidos) parabéns a Dona Administración.

4/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Fernando Garrido

Naceu en Marín no 79. Completou Socioloxía na Coruña e trata de rematar un doutoramento en Madrid, mentres traballa no Observatorio para a Cibersociedade desenvolvendo tarefas de coordinación. Investiga sobre a sociedade da información na Galiza. Vive entre as Rias Baixas, a periferia de Madrid e Barcelona. »