Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Natalia Alonso

Amor nación

16:30 24/06/2010

Coido que existen poucas tarefas tan complicadas como a de bautizar os propios sentimentos. Ás veces, as palabras non chegan para abarcalo todo e as emocións desbórdanse máis alá dos diques idiomáticos. Noutras ocasións, somos nós mesmos, os falantes, os que erguemos muros de palabras que nos protexan de ser anegados.

Non asumimos o que nos está a pasar por medo ás consecuencias que ese sentimento poda exercer sobre nós, aterrecemos das nosas propias emocións, vítimas de traumas e inseguridades. Por iso, recorremos aos eufemismos, á utilización de termos atenuantes. No canto de dicir "quérote", resulta menos comprometedor dicir "gústasme". Cantos se negan a si mesmos e din xusto o contrario do que senten. Si, emocións e palabras veñen de mundos distintos e obter a súa comuñón é un labor extenuante. Por iso, a redacción de textos coma as constitucións dos Estados ou os estatutos de autonomía deben merecer o maior dos respectos. Se xa é de por si complicado entenderse a un mesmo, non é máis difícil definir o sentimento dun pobo? Atopar unha palabra que sirva de perfecto nexo de unión? Así por exemplo, Cataluña é unha terra que non sente pudor á hora de expresarse, a palabra "nación" representa para ela o mesmo que a palabra "amor" para o amante seguro de si mesmo. Por iso, agora agarda crispada cal será a decisión desa espada de Damocles, chamada Tribunal Constitucional, que se atopa pendurada sobre a súa cabeza e que ameaza con mutilar oficialmente os seus sentimentos. E digo oficialmente porque ningunha sentenza, ningún eufemismo imposto, do tipo "nacionalidade", "nacionalidade histórica" ou "sentimento nacional", tivo nin ten capacidade para mudar a paixón que Cataluña sente polo seu. Trátase dunha cuestión íntima e impermeable. Mentres, na beira oposta do río, atópase o pobo galego, moito máis críptico. Resístese a asumir os seus sentimentos, unha parte deste pobo non se acaba de decantar polo termo “nación” debido á falta de amor propio. Igual que o adolescente que non asume a metamorfose do seu corpo, a eclosión da beleza adulta. Prefire camuflar as virtudes, agochar a lingua e interpretar un papel que non é o seu.

4,37/5 (46 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Natalia Alonso Ramos (Foz, 1983). Licenciada en Xornalismo. Logo de traballar en diferentes medios de comunicación privados do país, na actualidade está a rematar a súa tese de doutoramento na USC, onde tamén ten praza como investigadora. »



Anteriores...