Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Nanina Santos Castroviejo

Claro que somos tontas!

20:59 07/03/2007

Como, un día das mulleres? E cando hai un día dos homes? responde con espontaneidade un estudante de ESO cando lles anuncio este 8 de marzo de 2007.

A maioría das súas compañeiras de aula, preguntadas, din que non viven persoalmente situacións de desigualdade. Saben que as hai, porén non forma parte do que senten e do que conforma o seu entorno familiar, estudiantil, amizades, noivados.
Non me parece cousa de me poñer a contar miudezas, esas que fan a vida, porque seguro que lles pasa coma min, que unha a unha, parecen boberías:

O tique que asino debaixo de El cliente cando pago con tarxeta, igual que calquera operación en Caixa Galicia onde sempre son El, agora xa O titular.

As efemérides a celebrar ou as personalidades a lembrar que La Voz de Galicia propón mes a mes e ano a ano aos escolares no Suplemento de ensino, os pés de fotos de tantas noticias de xornal e a sociedade mesma onde se impón a lei do máis forte, o que máis berra, o que máis bombas fai estoupar, o que ten o coche máis grande e máis caro ou o máis arrichado, mentireiro e cínico
A igualdade non existe desde logo e fai falla lembralo (tamén outras desigualdades: ricos e pobres, instruídos e incultos, inmigrantes e nacionais…).

Non só que seguimos entoupadas en asuntos domésticos e familiares, cargadas de bolsas por rúas e prazas ademais dos traballos regulamentados no mercado mentres os homes enchen os estadios, os consellos de redacción de xornais e revistas, os postos nas Reais Academias, Consellos de Cultura, fundacións ou Institutos, gobernos ou empresas amén dos traballos…
Apreciar os extraordinarios cambios habidos na nosa sociedade en cuestión de sexos é obrigado, porén ao paso que andamos, igualdade que se predica, lei que se elabora, discurso electoral que se pronuncia ou soflama que ecoa en calquera mitin… precisaremos cincocentos anos, dicía un estudo, para acadala.

Mentres… ELAS
    Teñen máis estudios,
    Curran máis horas
    (incluíndo o traballo doméstico e os coidados familiares)
    Cobran salarios máis baixos
    (e moito máis baixos)
    Teñen contratos peores
    (máis precariedade, a tempo parcial, categorías inferiores)
    E están máis castigadas polo paro.

(Deixamos agora os accidentes mortais, as causas penais, o espantoso drama da violencia machista, os deportes e o discriminatorio trato aos femininos, a insuficiente lei de aborto, o non recoñecemento dos dereitos a prostitutas que deciden selo, a inacaida regulamentación dos dereitos das empregadas do fogar, o porqué puta é a palabra máis usada para insultar a unha muller...).

E temos tempo e ánimos ainda, para lles dar alento a eles, cando chegan cansos de lidar a vida, de gañar o sustento, de pelexar co xefe, das tensións estresantes das responsabilidades políticas, empresariais, educativas, comerciais, intelectuais, do tráfego,cando unha doenza ou un ego abaixado. Cando un amor os deixa con brazos caídos ou unha lurpia lles proe o corazón e lles rouba o seso… porque unha nai, unha filla, unha irmá, unha noiva, un ligue, unha amiga, unha amante, unha esposa, unha muller ao cabo.

Claro que non hai igualdade!
Eles uns listos e nosoutras idiotas de solemnidade!

3,88/5 (51 votos)



Nanina Santos

Naceu na Notaria (Ourense) en 1951. Licenciada en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela, é profesora de música de ensino medio. »