Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Héctor López de Castro

Quen nos vale do Valedor?

10:30 01/08/2007

O recente nomeamento de Benigno López González como novo Valedor do Pobo, por decisión unánime do Parlamento galego, foi saudado polos meios de comunicación coa divulgación dun haxiográfico currículum vitae, no cal chamaba a atención que o maxistrado “está en posesión de todos os cursos de galego e o coñecemento deste idioma, como lingua cooficial do Estado, foille recoñecido como mérito preferente”.

Para algúns xornais, como o ABC, ter feitos estes cursos concedíalle un “profundo coñecemento do galego”. Infelizmente, a suposta pericia lingüística do novo Valedor foi desmentida na súa primeira entrevista á TVG, onde se desenvolveu coa habilidade dun Pérez Touriño ou unha Sánchez Piñón, como comenta José Manuel Outeiro no seu blog O Reverso.

Este galego impotente e gaguexante das elites políticas e funcionariais do noso país é un fiel reflexo da importancia que conceden á lingua: o galego está ben cando che serve de mérito para ascender na carreira xudicial, máis o seu uso na Administración de Xustiza pode ser “en certo modo, perigoso”. O galego é unha lingua “tremendamente fermosa”, máis se no ensino é esixido ao mesmo nível que a Matemática, a Historia ou a Literatura (española, é de supor) os alumnos adquirirán “unha animadversión frente ao idioma, en vez de lle tomar cariño”. Estes exemplos, que algúns xulgaredes esaxerados e caricaturais, son citazóns literais das palabras do Valedor do Povo en dúas entrevistas publicadas o 31 de xullo de 2007 nos xornais La Opinión de A Coruña e La Voz de Galicia.

Benigno López, que como maxistrado do TSXG asinaba as sentenzas “en la Ciudad sede de este Tribunal” por non escreber A Coruña, ten o mérito de non disimular os seus preconceitos sobre o galego, unha lingua que acha “perigosa” na Administración de Xustiza por considerala practicamente inhábil para transmitir pensamentos complexos: “Non é o mesmo ‘delitos contra el honor’ que ‘delitos contra la honra’ e porén, ‘honor’ e ‘honra’ en galego son o mesmo termo”. Este xénero de declaracións, que ditas a título individual xa serían reprobábeis, son inadmisíbeis nunha institución que ten a función legal de tutelar os direitos individuais e colectivos emanados do Estatuto de Autonomía. O título deste artigo pode ser unha pregunta que moitos galego-falantes dirixan aos membros do Parlamento: señorías, quen nos vale a nós do Valedor?

4,78/5 (50 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Héctor López de Castro Ruíz é avogado. Forma parte do gabinete xurídico da Confederación Intersindical Galega, CIG. »