Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Martiño Noriega

De Cacheiras a Vilantime

09:30 19/08/2007

Nestes tempos onde lembrar non cotiza na bolsa de valores, reivindicar a memoria e requisito indispensable para sermos conscientes do pasado mentres apostamos con garantías por un futuro mellor.

Nos días que corren, reivindicar dende o Concello de Teo a figura de Anxel Casal*, asasinado nunha cuneta en Cacheiras o 19 de Agosto de 1936, é unha obriga ética e un axuste de contas co silencio municipal herdado de todos os anos pasados.

Por todo isto, hoxe estaremos como institución do conxunto da cidadanía teense cos bos e xenerosos que durante moito tempo alumearon en solitario o facho do berro contra o esquecemento. Isaac, Avelino, Pasín, Abella, Davide, Xosé Cruces e moitos outros e outras forman parte dese maxín colectivo que cada 19 de agosto adica e adicou un anaco do seu tempo a reivindicar na figura de Casal o ADN do que algunha vez fomos perante a barbarie que nunca máis debe acontecer.

A historia conta que Anxel Casal, trala sublevación militar do 18 de Xullo, despois de defender a República dende a casa do Concello de Compostela, fuxiu á parroquia paterna de Vilantime en Arzúa onde estivo agochado ate o 4 de Agosto, data na que foi detido, iniciándose por entón o desenlace fatal que hoxe coñecemos.

Cómpre pois, encetar entre todos o camiño de volta de Casal a Vilantime nun exercicio de memoria colectiva que restaure con xenerosidade no presente as feridas do pasado, condición indispensable para estar no futuro sen ter contas pendentes coa nosa historia.

*Anxel Casal, alcalde republicano do Concello de Compostela no 1936, ano no que foi asasinado

4,28/5 (18 votos)



Martiño Noriega é alcalde de Teo. »



Anteriores...