Recentemente, a Cámara Alta do Parlamento xaponés aprobou unha proposta de ampliación das sancións contra Corea do Norte por outros seis meses, renovando así as que foran impostas en outubro de 2006 despois de que Pyongyang anunciase a realización con éxito dun ensaio nuclear.
Non é esta a única mostra de dureza que exhibe Tokio fronte a Corea do Norte. Un dos problemas que máis enturban o entendemento entre ambas capitais é o relativo ao secuestro de xaponeses por parte de Pyongyang. O pasado 6 de novembro, Corea do Norte insistía na saída de Xapón do diálogo hexagonal se persistía no seu empeño en tratar este tema. Xapón reclama de EEUU que non retire a Corea do Norte da listaxe de países que apoian o terrorismo, ata que progresen as discusións relativas aos secuestros. O embaixador de EEUU en Xapón, Thomas Schieffer, informou ao Presidente Bush que a rapidez da negociación con Pyongyang dana a relación entre EEUU e Xapón. Corea do Norte acusa a Xapón de querer danar o diálogo hexagonal e de entorpecer a normalización das relacións con EEUU.
A normalización en Asia oriental, pese aos avances logrados no diálogo hexagonal sobre o problema nuclear, avanza lentamente por mor das malas relacións entre Corea do Norte e Xapón. Por qué insiste Xapón no problema dos cidadáns secuestrados? Moitos xaponeses foron secuestrados, raptados ou confinados por axentes secretos de Corea do Norte entre 1977 e 1983 (1). Tokio estima que 17 xaponeses (8 homes e 9 mulleres) foron raptados, mentres que, oficialmente, Pyongyang recoñece a existencia de trece persoas (6 homes e 7 mulleres) no seu poder.
Opinión pública
O problema calou na opinión pública xaponesa cando se celebrou o cumio entre Xapón e Corea do Norte en 2002 entre Junichiro Koizumi e Kim Jong-il. Daquela, o líder norcoreano recoñeceu o feito do secuestro polos axentes secretos de Corea do Norte e pediu desculpas a Xapón por primeira vez. Un mes despois, 5 xaponeses (Yasushi Chimura; Fukie Chimura, de solteira, Hamamoto; Kaoru Hasuike; Yukiko Hasuike, de solteira, Okudo; Hitomi Soga) foron entregados a Xapón coa condición de que regresaran a Corea do Norte. Sen embargo, a opinión pública e diversas entidades premeron para que o goberno de Xapón rexeitara a volta dos 5 cidadáns raptados, esixindo a entrega dos familiares que aínda restaban en Corea do Norte. Despois do segundo cumio entre Corea do Norte e Xapón, celebrado en 2004, cinco persoas das súas familias viaxaron a Xapón.
O goberno norcoreano asegura que o problema quedou totalmente resolto, porque cinco cidadáns foron devoltos e os outros oito xa morreron. Non obstante, o goberno xaponés non cre nas probas relativas aos seus falecementos. En 2004, o daquela secretario xeral de Nacións Unidas, Kofi Annan, referiuse a este problema nun discurso, amosando a súa disposición a atopar unha solución. No Congreso de EEUU, en 2004 tamén se aprobou unha resolución ao respecto. En 2005, a proposta de 45 países, a ONU aprobou unha resolución criticando a actitude de Corea do Norte neste problema.
O secuestro de cidadáns xaponeses non soamente se levou a cabo en Xapón, senón tamén noutros países. Dúas vítimas foron raptadas en Madrid en 1980. Ademais de xaponeses, tamén hai surcoreanos entre os secuestrados. Seúl fala de 486 persoas, pero non fai causa deste problema no diálogo hexagonal, se ben aprobou en 2007 unha disposición para axudar ás vítimas destes secuestros. O goberno surcoreano trata de esquivar este asunto confiando en que o avance da reconciliación e o clima de paz promovido pola “sunshine policy” poida facilitar un acordo.
Presión e diálogo
No diálogo hexagonal, todos optan por unha política de apoucamento de Corea do Norte, a excepción de Xapón. Pero, está illado Tokio? O certo é que Pyongyang estao moito máis, se ben a insistencia xaponesa non suaviza en absoluto a negociación. A política de Shinzo Abe ao respecto era a de aplicar presión e priorizar ante o todo a solución deste problema. Fukuda semella tentar equilibrar presión e diálogo. Poderase resolver o problema desta maneira? Deben tomarse en conta varios factores.
En primeiro lugar, a relación con Estados Unidos é importante para Xapón. Washington acusou a Pyongyang de apoiar o terrorismo, e un dos fundamentos desa acusación é o secuestro de cidadáns por parte de axentes de Corea do Norte. Sen embargo, puidera ser que antes de rematar o presente ano, desapareza da listaxe. Por iso, o goberno xaponés reclama de EEUU que esixa a resolución destes casos antes de retirar as acusacións contra Corea do Norte. En segundo lugar, sobre a mesa está a oferta dunha cooperación económica estimada en mil billóns de iens (6 mil millóns de euros) para a cooperación con Corea do Norte, que poderían soterrar ese pasado. Non obstante, a competencia con Corea do Sur, que tamén ofrece un paquete de investimentos de máis de 6 mil millóns de euros, pode debilitar a posición nipona, se Seúl se adianta. Polo tanto, a relación con Corea do Sur tamén é importante.
Xapón insiste con vehemencia en resolver o problema dos secuestros porque se progresa o diálogo hexagonal sen atendelo, Corea do Norte, unha vez resolto o seu problema de seguridade e con ofertas económicas substanciosas a piques de concretar, non se sentirá tan presionada. Daí que Xapón se desespere por aproveitar o crucial momento presente para encamiñar a solución deste problema.
(1) Xefatura Central do Goberno de Xapón (en castelán) http://www.mofa.go.jp/region/asia-paci/n_korea/abduction/leaflet_s.pdf (o 12 de novembro de 2007)
Licenciado en Ciencia Política pola Chuo University (Xapón), fai as súas prácticas no Igadi. »