A Galiza completa non está formada por apegados e emigrados, senon que é unha realidade diaspórica, como a de Irlanda ou a do povo xudeu. Ten esa sorte, que non todos os países teñen. Ten unha riqueza material e espiritual moi importante, que non se debe desaproveitar. Vivimos, cada vez máis, nun mundo de diásporas, e a diáspora galega pode ser un modelo, se sabemos aprezala e artellala ben. Non é cousa dun pasado que haxa que liquidar, senón dun futuro que hai que construir. Por iso preocupa moito que un partido nacionalista, con parcela de poder no goberno galego, propoña unha amputación da Galiza.
Os fillos ou netos de quen emigrou non son “emigrantes”. Son galegos da diáspora. A emigración, con toda a súa historia, as súas traxedias e as súas glorias, é a causa. A diáspora é o presente e prometedor resultado desa causa.
É asustador o trasfondo psicolóxico-social de actitudes excluintes como a desta proposta de reforma. Infelizmente, no nacionalismo galego hai grandes doses de españolismo inconsciente, e hai grandes eivas patriarcais que se fomentan a porfía, como se con iso o país se fose salvar en vez de se infantilizar. Unha desas graves eivas patriarcais é o odio ao que marcha da casa materna e a súa expulsión por “ingrato” e mal fillo. Iso é o que insire a doutrina da piedade filial, que é un dos piares do patriarcalismo e impera na sociedade galega. Os que marchan son malos e os que quedan coa Nai na casa meréceno todo. Que os nacionalistas galegos cultiven esa eiva que tanto dano fai á Galiza demostra o pouco que pensaron nesa nai-patria que invocan, confundindo o benestar da patria cos seus instintos mais obtusos e egoístas. Non se pode facer unha nación sen airear a mente e sen cultivar o sentimento folgado. Pechando a mente e o sentir non se poderá levar á Galiza mais que á frustración e o malogro.
O verdadeiro nacionalismo ten que consistir en querer que a nación se desenvolva e adiante en todo, sen que ningunha das súas posibilidades quede frustrada. Pero tamén invocaron sempre o nacionalismo os que buscaron a gloria deles e non a do país, e tamén é sempre posíbel e até probábel que en nome dos nacionalismos se defendan e fomenten mentalidades atrasadas, actuacións obtusas e torpes atavismos. Cómpre non esquecer que nacionalistas foron os que puxeron os seus países na dianteira do mundo ao longo da historia, pero tamén se chamaron nacionalistas Hitler, Francisco Franco e moitos outros polo estilo.
Impulsos irracionais
O intelixente sería estar dispostos a aproveitar o que poden aportar os galegos que viven fóra. O outro, seguir desprezándoos e pechándolles as portas como se fixo sempre, e facelo en nome da Galiza, é unha vergoña e non pode levar mais que ao desbarate. O nacionalismo galego ten que reflexionar moi en serio sobre ese asunto e non deixarse levar por impulsos irracionais e sentimentos escuros e incivilizados.
É lamentabel que a proposta do BNG sexa mais politiqueira que política. Polas razóns que sexa, semella que se teme que o voto da diáspora favoreza a partidos que non están hoxe no poder. Haberá que convencer a ese eleitorado de que se vai actuar mellor que os outros. O que non se pode facer é coutar os direitos que lle corresponden, aproveitando que son máis vulnerábeis. Por ese camiño de eliminación négase a democracia. Apresentar como lóxicas propostas encamiñadas a eliminar aos que podan ser un obstáculo para obter o poder que se cobiza é perigosa politicaría.
Excluir aos votantes diaspóricos das eleccións municipais e das autonómicas é precisamente cortarlles o direito de expresarse no que é máis esencial da sua galeguidade. Acentúase así a sua condición de “españois” e elimínase a de “galegos”. Sorprendente proposta para ser feita por un partido nacionalista.
O argumento de que só voten os que “teñen intereses no país”, amais de ser un criterio imposíbel de aplicar na práctica, semella un retorno ao sufraxio censitario, como o que predicaba o moderantismo do século XIX: que voten só os que teñen un certo nivel de ingresos, os “contribuintes” por riba dun certo nivel. Que non votaran os pobres, que non votaran as mulleres…O sufraxio universal conseguiuse loitando contra esas ideas, e velaí que agora imos para atrás con esta proposta.
Vínculos reais co país
E non hai que esquecer que hai moitos diaspóricos contribuintes aos orzamentos municipais, porque teñen propiedades e intereses na Galiza. E podería haber máis, e a política autonómica debería contribuir a que os houbese.
Se quen vive na diáspora é galego, nada máis antidemocrático que limitarlle o voto a que ten direito en virtude do sufraxio universal. Que ese voto sexa incómodo para o poder non é argumento válido en democracia.
Na proposta do BNG non vai abondar un exame cativo para demostrar “vínculos reais co país”, como propón o señor Jorquera. Vailles facer falta convocar "oposicións a votante"...
Chama a atención como perduran algunhas ideas no galeguismo. Unha das compoñentes históricas do BNG, que é a UPG, foi xurdindo en oposición aos prantexamentos do chamado “piñeirismo”. Resulta agora que nesa estreita visión da diáspora ven coincidir con Ramón Piñeiro. Os enfrentamentos de Piñeiro coa rama ultramarina do galeguismo respondían á táctica de concentración do poder de manobra na persoa do líder neogaleguista. Conseguir esa concentración foi un trunfo para Piñeiro, pero rompeu coa idea diaspórica e universalista da Galiza. É unha lástima que perduren actitudes tan destrutivas.
Apresentar o “voto en urna” como gran avance, esencial para a limpeza do proxecto, é elevar o incidental a sustancial. ¿Ou xa se esqueceu que o “pucheirazo” facíase coas urnas?
A obsesión cos “emigrantes” das Américas parece que lle fixo esquecer ao BNG que hai moitos galegos por todo o mundo que, igual que eles, teñen nacionalidade española porque nunca a mudaron e a queren conservar. Eses galegos quedarían sen direito a voto na Galiza e desplazados dela, nunha operación de “limpeza”. Hai que ter a mente e o sentir moi pechados para non saber ou non admitir que se pode andar polo mundo sen mudar de nacionalidade, é dicer, como estranxeiros. ¿Tan imposíbel será de entender que non é preciso viver pegado ao sitio no que un naceu, e que mais ben é aconsellábel facer o máis que se poda por abrir a mente e o sentir? Pechar Galiza non pode ser unha tarefa nacionalista.
Fernando Pérez-Barreiro Nolla é natural de Ferrol e reside en Londres desde hai varias décadas. Xornalista na BBC durante anos e tradutor da Organización Internacional do Café, é membro do Consello Asesor do IGADI. Recentemente, gañou o Premio de Tradución Plácido Castro pola tradución dun Breviario do pensamento clásico chinés »