Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Alberto García Nespereira

Está o euro sobrevalorado?

13:30 18/12/2007

Nos últimos tempos estamos a observar un fenómeno económico que se está convertendo en tema de conversación dos máis variados foros, dende as tertulias económicas das radios ata as conversas informais entre amigos: o euro cotízase cada vez máis fronte ó dólar.

O euro naceu como moeda o 1 de xaneiro de 1999, sendo o continuador do ECU, que era unha cesta das moedas dos países que compoñían a Unión Europea daquela. Iso si, non comezou a circular polos petos dos países que o asumiron (os da UE-15 menos Suecia, Gran Bretaña e Dinamarca; máis Eslovenia) ata o primeiro de xaneiro do 2002.

No seu nacemento valorouse nos mercados internacionais de divisas a 1,17 dólares por euro. Durante os 2 primeiros anos cotizouse á baixa fronte ó dólar (chegando a valer menos cá divisa norteamericana), pero dende o 2002 vén experimentando unha suba continuada que se acelerou no último ano ata acadar valores próximos ó 1,50 dólares por euro. Parece que o valor dunha e doutra divisa deberían fluctuar sempre en torno á paridade, é dicir, que cada euro valga máis ou menos o mesmo que cada dólar. Tal concepción pode ser debida ó feito de que tanto o € coma o $ representan ós 2 grandes bloques económicos e políticos do mundo e unha equivalencia nas súas moedas respectivas é o reflexo da suposta equivalencia entre o seu poder real.

Aínda que isto non ten por que ser así. De feito, a libra esterlina cotízase a un valor máis alto ca calquera destas 2 divisas e sen embargo a potencia británica non pode compararse coa da UE nin coa dos EEUU.

Máis ben semella que a cotización de 2 moedas atende a outro tipo de factores, tales como o diferencial de tipos de xuro, os distintos níveis de déficit comercial ou o tipo de políticas monetarias que manteñan as autoridades de cada moeda.

Así, non é de estrañar que o € se aprecie con respecto a outras moedas xa que os tipos de xuro establecidos polo BCE manteñen unha tendencia alcista nos últimos tempos, ó contrario que os marcados polas autoridades norteamericanas (a FED). Iso provoca que os grandes capitais internacionais se decanten máis pola divisa do país que ofrece maiores tipos de xuro, facendo que esa moeda se aprecie.

A menor cotización do $ tamén pode ser froito da política comercial dos EEUU, xa que un $ máis barato que a divisa do seu principal competidor, Europa, supón que os produtos estadounidenses sexan relativamente máis baratos cós europeos ó mesmo coste de fabricación.

Iso si, este feito favorecedor da exportación tamén ten o seu reverso, que é o feito de facilitalas importacións en dólares, efecto que se nota sobre todo no petróleo, que é valorado en $ nos mercados internacionais, amortiguando nos petos dos europeos as continuas subas da preciada materia prima.

Cabe concluír sinalando que nun mercado aparentemente libre como é o das divisas non se pode saber con exactitude cando unha moeda vale máis ou menos do que debería, xa que o seu prezo (é dicir, a súa cotización) depende de moitos factores que ningún de nós podemos valorar exactamente porque non dispoñemos da información suficiente como para facelo. Ó final, coma en moitos outros aspectos da vida, a cuestión redúcese a un problema de coñecemento dos datos precisos no momento adecuado.

4/5 (24 votos)



Analista internacional e Técnico de Compras de Pescapuerta Ltd. Colabora cos seus artigos no blog de Pequeneuropa, e ten escrito tamén para o Igadi. É licenciado en Económicas pola Universidade de Santiago de Compostela, e diplomado en estudos empresariais en Ourense. Desenvolveu unha dilatada carreira profesional como encargado de exportacións en distintas empresas galegas. »