"Quien se levanta hoy por Cuba se levanta para todos los tiempos" José Martí
A partir do triunfo da Revolución o 1 de xaneiro de 1959, Cuba converteuse un epicentro de controversia política a escala internacional. De feito, establecendo a cualificación de potencia mundial en termos de influencia e repercusión dun Estado, os miles de páxinas que se teñen escrito e se escriben diariamente sobre Cuba, o seu protagonismo directo ou indirecto en foros e institucións internacionais, así como a súa influencia política, social e cultural poderían situala á cabeza dunha hipotética clasificación. Sen embargo, é precisamente a maior potencia mundial establecida en termos de opulencia económica e poder militar, os EE.UU., quen mantén un bloqueo económico contra Cuba que foi aplicado por dez administracións norteamericanas e baixo o cal dúas terceiras partes da poboación cubana actual naceron e viviron toda a súa vida. Un bloqueo que foi condenado en quince ocasiones consecutivas pola Asemblea Xeral de Nacións Unidas, a última co máximo apoio na historia da institución.
A pesar desta cruel e dolorosa realidade, ao tradicional coro de portavoces do imperialismo que censuran a Cuba sumáronse hai xa algún tempo algunhas voces que, enmascaradas nun suposto progresismo, censuran os logros da Revolución e a partir da suposta "esquerda" acostuman minimizar os efectos do bloqueo, reivindicar apertura política (democracia liberal) e reformas económicas de acordo cun modelo de desenvolvemento económico e os principios capitalistas que rexen a nosa sociedade (libre mercado).
Para comprender este posicionamento é primordial considerar a enorme derrota sufrida a finais do século XX pola esquerda a nivel internacional e as consecuencias que desta derrota se derivan. Os Programas da esquerda asumiron na práctica os postulados do capitalismo: o mercado como único regulador de bens, recursos e necesidades; o crecemento económico, medido a través do PIB, como único índice de progreso e de avance social; e a competitividade como instrumento básico ao servizo dos dous anteriores. Desde esa visión claudicante co capitalismo é perfectamente entendible (que non compartida) unha posición crítica con Cuba.
"Progres" e McDonalds
O "progre" de hoxe, disimulado baixo o "ismo" que se prefira, ambiciona para Cuba o que ambiciona para si mesmo, e non lle importaría un McDonalds na Praza da Revolución, un bo colexio concertado como aquel en que estudan os seus fillos, un seguro médico privado, unha televisión lixo, os aforros investidos en accións de bolsa ou un centro comercial ben surtido de alimentos insalubres e produtos inservibles, con tal de garantir aos cubanos o seu mesmo nivel de vida.
Sen dúbida Cuba ten necesidades, problemas e preocupacións, que están máis próximos de ser resoltos a partir da solidariedade e o espírito colectivo do socialismo que a partir da competitividade e o individualismo da sociedade capitalista, onde día a día as diferencias se acrecentan e acentúan.
A condena da Revolución por parte da chamada "esquerda" tamén goza dunha boa dose de complexo colonialista e eurocentrismo. No século XVI, a protesta dalgúns teólogos conduciu á prohibición formal da escravitude dos indios, así que antes de cada invasión militar os capitáns debían ler aos indios un "requirimento" que os exhortaba a converterse ao cristianismo ou sufrir a escravitude e a morte en caso contrario. De igual modo, o "progre" rexeita o bloqueo e a posibilidade de intervención armada dos norteamericanos en Cuba, pero esixe unha solución drástica contra a Revolución en caso de que esta non se pregue ao proceso de reformas que as "democracias" formais esixen. É a desgraza que sufriu América Latina desde que uns europeus belixerantes aseguraron ter descuberto o continente, pretendendo o descoñecemento da súa propia existencia.
Por suposto, o hipercrítico coa revolución cubana -a dereita e esquerda considerará sacrílego unha análise comparativa dunha sociedade capitalista coa cubana, omitindo que Cuba pode rivalizar en moitos terreos, especialmente na sanidade e a educación. ¿Existe maior conquista social que garantir a saúde e a educación das persoas? Algo que quizais careza de importancia nunha sociedade como a nosa onde o 42,9% non le nunca ou case nunca, e un de cada dous cidadáns non leu un libro na súa vida; aspecto que facilita seguir un camiño inverso ao cubano, coa privatización paulatina do sector público, incluíndo o educativo e o sanitario. Censurarase a propiedade pública dos medios de produción, inaceptable desde dunha concepción da democracia como a liberdade de mercado, pero en Cuba é pública e, polo tanto, de todos. Sen embargo, o presidente do grupo INDITEX posúe un patrimonio, só en Bolsa, equivalente á renda anual dun millón de galegos. Mentres, uns 400 mil galegos e galegas viven en situación de pobreza; deles 104 mil, unha cuarta parte, na pobreza extrema. Ao mesmo tempo, o endebedamento familiar xera o espellismo de que o patrimonio pertence aos particulares cando en realidade é propiedade dos bancos.
Cando se utiliza o falaz e tan requirido argumento de referirse a Cuba como o paraíso da prostitución, omítese que en España este negocio move uns 12.000 millóns de euros ao ano, sendo o terceiro máis lucrativo despois do tráfico de armas e de drogas. 400.000 mulleres exercen a prostitución, delas, noventa e oito de cada cen son estranxeiras. Para maior descaro os periódicos máis importantes, independentemente da súa orientación ideolóxica, non amosan discrepancias á hora de obter inxentes ingresos cos anuncios de prostitución nas súas páxinas.
Cocaína
En España consúmese o dobre de cocaína que a media europea, sendo superado só por EE.UU. Case un millón de persoas son consumidores desta substancia. Só en Galicia, portal de entrada da cocaína en Europa, móvense anualmente 6.000 millóns de euros en diñeiro negro. Mentres en Cuba a vivenda é un serio problema derivado directamente do bloqueo, ao que se busca solución a partir da convicción do dereito da persoa a unha vivenda digna, neste país o diñeiro negro procedente da prostitución e o tráfico de drogas invístese directa ou indirectamente nos negocios inmobiliarios, construíndo (destruíndo) un tercio do construído en Europa. En Galicia, a pesar da existencia de miles de vivendas abandonadas, están planificadas 600.000 máis.
Sempre se silencia o proceso de eleccións cubanas onde votou o 96,89 por cento da poboación, nun exercicio de democracia directa onde calquera deputado é elexido previamente no seu barrio. Nas últimas eleccións xerais celebradas en España, as de 2004, presentáronse 97 partidos políticos rexistrados no Ministerio de Interior. Dos 25.483.504 votos válidos emitidos, o 80,3% son para os dous maioritarios, exactamente 20.789.307. E xefe do Estado non foi elexido por ninguén.
Esquécese que mentres España é un dos países máis aplicados no incumprimento do protocolo de Kioto, do que se afasta cada vez máis, o Fondo Mundial para a Natureza (WWF) estableceu que Cuba é o único país do mundo con desenvolvemento sostible conforme dous variables: o índice de desenvolvemento humano establecido pola ONU e a chamada "pegada ecolóxica", que sinala a enerxía e recursos por persoa que se consumen en cada país. Para máis burla, un futbolista como Raúl cobra máis de 17.500 euros ao día, pero é embaixador da FAO (Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación) e asegura "axudar a construír un mundo sen fame".
A quen sae do seu país en busca de mellorías económicas chámaselle emigrante, e se é cubano chámaselle exiliado. A denominada "Lei de Axuste cubano" emitida polo goberno norteamericano provoca o “efecto chamada” concedendo o permiso de residencia de maneira practicamente automática, mentres na fronteira mexicana perséguese aos "espaldas mojadas". Non hai que ir tan lonxe: máis de dez mil emigrantes africanos afogáronse na zona do estreito de Xibraltar intentando acadar as costas españolas.
Un mar de contradicións
A pesares desta realidade, este país tan aplicado en neoliberalismo é un mar de contradicións con antigos izquierdistas á deriva. Vivimos unha fermosa e plácida paz social onde a mal chamada esquerda se deleita con superficiais consignas e esquece a confrontación de ideas e a construción da alternativa. Desta deriva non se salvan nin Cuba nin o Che Guevara, tachado de caudillo e terrorista por El País. Con este panorama é necesario entender que a resistencia de Cuba é a resistencia dos valores do socialismo, e esta a única alternativa ao capitalismo. A auténtica esquerda, que é anticapitalista ou non é esquerda, debe concentrar as forzas en frear ao imperialismo, non en darlle xustificacións.
O ritmo de vida de occidente mantense grazas á explotación dos países desfavorecidos, e o bloqueo de Cuba é o prezo que ten que pagar un país soberano precisamente por non ceder a devandita explotación. A pesar de non compartir os criterios capitalistas sobre a valoración da riqueza, é preciso sinalar que resulta grotesco criticar a Cuba por non acadar o nivel de vida occidental cando o obxectivo do capitalismo é evitar a toda costa que o acade desde o socialismo. Así leva ocorrendo desde o «Programa de accións clandestinas contra o réxime castrista» do presidente Eisenhower en 1960, coa intención de boicotear, sabotear e castigar á poboación para desestabilizar á Revolución. Un só ano de levantamento do bloqueo permitiría percibir as potencialidades dunha Cuba acostumada a resistir en condicións pouco afortunadas, pero o capitalismo empéñase en evitalo a toda costa.
Sería imposible falar das vías democráticas abertas en América Latina sen a resolta resistencia de Cuba. Por suposto non é un paraíso, porque unha revolución é un proceso constante. En palabras de Fidel Castro, "Revolución é sentido do momento histórico; é cambiar todo o que debe ser cambiado …; é defender valores nos que se cree ao prezo de calquera sacrificio…; é non mentir xamais nin violar principios éticos; é convicción profunda de que non existe forza no mundo capaz de esmagar a forza da verdade e das ideas". Non se trata de importar a sociedade cubana, nin de exportar a nosa sociedade. Trátase de respectar a soberanía dos pobos. Afortunadamente son moitos os que comprenden este feito. Por iso, para a pregunta de, e despois de Fidel?, unha resposta firme e decidida: Máis Revolución.