Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Comba Campoy

O reto da escolma imposíbel

10:15 04/03/2008

(Ou como abordei a programación audiovisual galega para a Feira do Libro da Habana)

Moito se leva discutido neste país arredor do seu audiovisual. Se o sistema cultural galego é, de por sí, feble e periférico, a potencialidade do audiovisual de constituír unha industria cultural forte é, paradoxalmente, responsábel da súa maior febleza. Porque esta circunstancia convírtea en obxecto de desexo de múltiples actores en discordia, que paralisan o seu desenvolvemento á base de vás disputas que só chegan a resolverse na práctica a través de fragmentacións (para ser exactos, biparticións) que en nada favorecen o crecemento do sector.

O audiovisual galego evidencia a súa febleza no momento mesmo no que este par terminiolóxico ousa ser pronunciado. O habitual en todo foro especializado é que, unha vez proferido este dislate verbal, o orador se disculpe ou puntualice, ou coroe dunhas oportunas aspas (apoiadas expresivamente con flexión de falanxes) a controvertida parella conceptual. Que complicada tarefa supón, neste contexto de desconfianza esencial, encarar o deseño dunha programación que pretenda amosar o audiovisual galego fóra das nosas fronteiras!

Tal foi a encomenda que me fixeron desde a Consellaría de Cultura, coa dificultade engadida de que a programación audiovisual non debía ensombrecer á principal protagonista do evento en cuestión. Falamos da Feira Internacional do Libro da Habana, que pechou as súas portas o pasado 24 de febreiro cun balanzo amplamente positivo para a cultura convidada e cunha colleita non menos farturenta de críticas desde algunha que outra cabeceira xornalística.

Como é lóxico, o centro das actividades desenvolvidas pola delegación galega na Feira foi a creación literaria en todos os seus ámbitos, acompañada do sector editorial. Queríase aproveitar, ademais, para deixar constancia en Cuba e, dada a proxección iberoamericana deste evento, no resto do continente, da riqueza da cultura galega e da súa entidade diferenciada respecto da española. Para isto, a carón das actividades literarias, programouse unha serie de actuacións musicais e escénicas. E tamén houbo audiovisual. Porén, a difícil situación (empezando pola súa indefinición conceptual) deste sector, levounos a buscar vías alternativas á hora de deseñar este programa complementario ao literario (e esta complementariedade afecta tamén, aclarémolo xa, aos orzamentos asignados, moito máis modestos, como é comprensíbel, cós do programa literario).

Xa que a desinformación está sendo a tónica dominante en todo canto arrodea ás actividades desenvolvidas pola delegación galega na Feira Internacional do Libro da Habana, síntome na obriga de aclarar polo miudo cales foron os criterios seguidos no deseño do programa audiovisual. Dada a problemática ontolóxica da que veño falando desde arriba, preferín optar por desenvolver unha programación dinámica, que non se basease no tradicional formato de ciclo ou mostra. Eu, que son a primeira que duvido de todo, non sabería que “audiovisual galego” amosar. O que se fai entre veciños ou estudantes, sen un can ou con axuda dunha pequena subvención para mercar as cintas de miniDV? O que fan as grandes produtoras con estrelas foráneas na cabeza do reparto e historias importadas, e que aspiran a entrar no palmarés dos premios Goya malia fracasar sistematicamente nas billeteiras? Ou o cinema militante do autor que consegue autoproducir o seu primeiro filme á base de hipotecar a súa vida, e que carga as tintas na mensaxe deixando de lado a forma na que o transmite? Que audiovisual galego amosar, se o termo aínda está pendente de definirse, e nin niso conseguimos pornos dacordo?

Ópticas cruzadas

Unha concepción dinámica do audiovisual, ao meu ver, conlevaba múltiples avantaxes. En primeiro lugar, tentaría favorecer ese proceso de construción colectiva no que, queirámolo ou non, estamos inmersas as persoas que pretendemos tomar parte neste sector. O feito de propór a catro realizadores galegos o desafío de crear conxuntamente con catro cubanos levaba aparellado un exercicio de autoobservación inevitábel, previo ao emprendemento de todo diálogo. A selección dos participantes neste proxecto foi obviamente subxectiva, sempre dentro duns criterios claros: a independencia dos realizadores respecto de calquera grande estrutura de produción, e o feito de destacaren os catro pola súa orixinalidade creativa. Canto aos respectivos correspondentes cubanos, buscáronse catro perfís semellantes e nalgún caso foi preciso un proceso de selección, desenvolvido na Habana no mes de novembro pasado.

Da posta en contacto destas catro parellas creativas galego-cubanas resultaron catro pezas audiovisuais que foron presentadas ao longo da Feira. Ademais, e afondando no carácter complementar que, respecto do literario, había de ter o programa audiovisual, organizouse un obradoiro de documental con tres realizadores galegos e doce alumnos e alumnas da especialidade audiovisual do Instituto Superior de Artes da Habana. O obxecto desta experiencia pedagóxica era, ademáis do contacto entre profesionais e estudantes dun e outro lado do Atlántico, deixar constancia en imaxes da presenza galega nesta edición da Feira do Libro. Para os estudantes cubanos era o primeiro contacto coa cultura galega, co cal a experiencia tivo un dobre valor formativo. Este documental será presentado na primavera próxima, unha vez completada a súa posprodución en Galiza.

Mesas redondas e proxeccións
Se cometín un erro á hora de deseñar o resto de actividades do programa audiovisual, ese foi o de chamarlles “mesas redondas” ás sesións de encontro e diálogo entre profesionais do audiovisual galego e cubano. Como descubrín despois da miña arrivada á illa, o termo “mesa redonda” asóciase a tedio e disputas densas e monocromas. Tal é o nome do programa que diariamente emite a primeira cadea de televisión cubana, e onde se discuten os asuntos que marcan a axenda política do Estado. Ao parecer, non é un formato que atraia ás masas. E por iso os “conversatorios” ou “encuentros” entre os realizadores galegos e cubanos participantes en Ópticas Cruzadas non tiveron grande éxito de público. Tratábase con esas sesións de achegar un elemento reflexivo, habitualmente ausente nos ciclos de cinema convencionais. Como o propósito da programación non era levar á Habana ningunha mostra do “audiovisual galego” (dada a miña incapacidade manifesta para afrontar calquera selección nese terreo), pareceume oportuno potenciar o diálogo entre os profesionais do sector, e contextualizar cada unha das sesións cunha breve proxección de pezas galegas e cubanas do mesmo xénero. Deste xeito, falouse de documental e memoria e proxectáronse catro pezas breves deste xénero; fíxose unha exposición sobre a evolución da videocreación en Galiza e en Cuba e proxectáronse senllas escolmas, e debatiuse sobre a oportunidade do “cinema pobre” como alternativa das culturas periféricas aos grandes circuitos comerciais. As curtas galegas proxectadas antes destas sesións eran todas pezas moi modestas mais producidas con grande empeño. Foron “Lavacolla 1939”, de Margarita Ledo e “A guerra dos avós” de Óscar Galanski; para a mesa sobre a memoria histórica; e “Nico” dos alumnos do instituto de Porto do Son dentro do proxecto Son Cine, e “Empantanados”, de Manel Vázquez, para a mesa sobre Cine Pobre. No caso das pezas de videocreación, a selección correu a cargo de Alberte Pagán, quen participou nesta mesa. A todos os autores se lles pediu consentimento para a proxección das súas pezas.

Ademáis das fallidas (no que respecta ao público, non ao seu interese) “mesas redondas”, completouse esta programación cunha serie de proxeccións nunha sala de cine da Habana, o multicine Infanta. Co beneplácito do ICAIC, proxectáronse cinco longametraxes de recente estrea en Galiza, e que nos pareceu podían ser representativas da variedade da produción audiovisual galega actual. En tres dos casos, aproveitábase ademáis a presenza dos autores na Feira do Libro para que puidesen presentar a súa obra. Foron os casos de “Liste, pronunciado Líster”, de Margarita Ledo; “De Profundis”, de Miguelanxo Prado; e “De Bares”, de Mario Iglesias. No caso de “A Mariñeira”, de Antón Dobao, a actriz protagonista, Camila Bossa, que viaxou á Habana para apresentar o acto de Homenaxe á Colectividade Galega, foi a encargada de presentar o filme, o que lle valeu ter que asinar numerosos autógrafos á saída. Por último, a proxección do filme “El menor de los males”, de Antonio Hernández, non contou coa presenza de ningún membro do equipo artístico ou técnico, xa que este aspecto non estaba contemplado nos orzamentos correspondentes ao programa audiovisual. Neste senso, é importante salientar que todas estas proxeccións foron posíbeis só mercede á boa disposición dos produtores e realizadores implicados, que cederon desinteresadamente as copias dos filmes para a súa proxección. Dado que era unha condición dos nosos interlocutores cubanos que todos os filmes estivesen subtitulados ou dobrados ao castelán, esa foi tamén unha condicionante á hora de escoller os títulos a proxectar, dada a xa mentada limitación orzamentaria..

Proceso aberto
A pesar da enorme concentración de actividades desenvolvidas pola delegación galega durante os días da Feira do Libro da Habana, as do programa audiovisual constituían só un chanzo dentro dun camiño máis longo. As proxeccións e debates realizados serviron para potenciar o achegamento entre os profesionais implicados no proxecto Ópticas Cruzadas, e o seu maior coñecemento dos contextos de traballo das súas parellas creativas. Se, ademáis, as actividades desenvolvidas serviron para que unha pequena porcentaxe do público cubano coñecese mellor a realidade galega, podemos sentirnos satisfeitas. É certo que este último obxectivo tería máis posibilidades de acadarse se tivesemos conseguido incluír unha programación especial con materiais galegos na televisión cubana, algo que intentamos nos meses previos á feira pero que polo momento aínda non foi conseguido, dado o complicado proceso de selección e de deseño de programación aplicado polos equipos do Instituto de Radio e Televisión Cubano. Ainda non perdemos a esperanza en que nos próximos meses esta programación chegue a emitirse, e que estará composta dunha serie de documentais e curtametraxes galegas cedidas polos seus autores. De novo o criterio para a inclusión destas pezas, ademais do seu interese para amosar a nosa cultura, foi que existise unha versión subtitulada ou dobrada ao castelán.

En calquera caso, todo balanzo sobre a programación audiovisual galega na Feira do Libro da Habana será incompleta até esta primavera, cando as pezas produto do diálogo creativo entre galegos e cubanos estean completadas e sexan apresentadas publicamente. Daquela falaremos de novo, ainda que, moito me temo, volverei ter que acompañar dunhas bonitas aspas a miña mención ao “audiovisual galego”.

3,86/5 (14 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Comba Campoy

(Compostela, 1979). Actriz e xornalista. Coordenadora do programa audiovisual galego na pasada edición da Feira Internacional do Libro da Habana. »