Morreu como vivíu. De súpeto e con sorpresa. Foi un deses galegos da súa xeración que carretou compromisos a esgalla e levounos o millor que puido. Aínda podemos decir que mui ben. Polifacético, pluriactivo e políglota, puidestes coñecelo por algunha das súas diversas actividades na súa fecunda vida. Xornalista de El Ideal Gallego nos tempos da transición, cristián de base comprometido, animador da revista Encrucillada, militante nacionalista, concelleiro de Unidade Galega na primeria corporación democrática de Santiago, inspector de educación, catedrático de instituto, animador de tempo libre e camiñante empedernido, xornalista de Televisión Española en Galicia, da que se xubilou mui recentemente sen tempo para disfrutar do xúbilo que lle producíu o retiro. Internauta activo, nos foros de internet dise que era un xornalista ilustrado. Que sabía máis que a media.
A súa retranca chairega era proverbial e áceda se facia falta. Nun galego de fonética mindoniense, nasal e profunda, presentaba sempre a outra cara das cousas dende un inconformismo inmisericorde. Gostaba de casar coa verdade. Algúns pensaban que era máis retorcido que unha dobla. Aínda que non soubesen que a dobla é o adibal que dando voltas e máis voltas se coloca no xugo para xunguir as vacas ao carro ou ao arado. Grande como un mundo, era un homón doble tanto de anchos como de humanidade, que facía da retranca labrega unha humorada intelixentemente ilustrada. Longo no traballo como só pode ser alguén tan polífacético, lémbroo pegando cartaces de Esquerda Galega por Compostela adiante cando os partidos non tiñan mais estrutura que os seus propios militantes.
Agustín, Tincho, Tintxu, foi un deses homes –mulleres tamén hai unhas cantas- que non reciben homenaxes porque tampouco os buscan. Que son imprescindibles porque sempre están activos e porque fan muitas cousas diferentes. Os seu activismo explícase porque cando empezaron a ser politica e socialmente activos, hai máis de cuarenta anos, eran máis ben poucos e os mesmos tiñan que aturar de todo, por iso foron tan extraordinarios, porque estaban fora da orde establecida e cando a orde mudou e o seu pensamento se fixo maioritario, ou cando menos máis común, mantiveron o seu activismo. E ademais disfrutaba co que facía e co que decía.
Deixounos muitas cousas, máis das que pode aparentar. O tempo irao facendo ver. A nova da súa morte foi recollida por todos os xornais dun xeito ben destacado precisamente porque era un home que nos deu muito máis do que aparentou. Unha das súas últimas achegas foi unha serie sobre a transición que el viviu e coñeceu en primeira liña. Sen non morrese tan de súpeto e nos deixase de vello, tamén habería de escribir o mesmo, aínda que agora con muito máis pesar. Enterrárono en Ramil, non lonxe da pedreira de Irimia. Non puiden ir ao enterro pero botareino de menos igual. Muitos botarémolo de menos.
Lourenzo Fernández Prieto naceu na Devesa, en Ribadeo, en 1961. É profesor de Historia Contemporánea na USC e especialista en historia agraria e mundo rural. É autor entre outras moitas publicacións de "Labregos con Ciencia", premio da Crítica e Losada Diéguez de investigación. »