Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Ricardo Castro Buerguer

Estado VS Público

18:40 09/04/2007

Será porque as palabras mudan de significado a velocidade-luz, ou será porque non temos tempo de pensar na realidade entre tanto consumo, televisión e traballo. Sexa polo que sexa teño a necesidade de escapar desta esquizofrenia social que nos venden coma democracia bíblica, estado de benestar, civilización occidental ou como queiran chamala.

Cando recupero a consciencia miro unha realidade social que non ten nada que ver co que nos contan. Por falar de algo, miro os servizos públicos (¡¡seguemos a chamalos públicos!!) vendidos a empresas privadas, en concesións que duran vidas, sen que poidamos dubidar da lei universal que rodea a estas empresas:

“ A empresa privada é a única capacitada para xestionar, xa que a xestión pública non fai máis que dilapidar os cartos de todos e todas”

Vou quebrantar a lei e dubidar da efectividade da privatización dos servizos públicos, dos montes, dos ríos, das rías, das costas, da saúde, do ensino, do osíxeno e o vento... das nosas vidas. E na dúbida atopo compañeiros e compañeiras de viaxe en Bouzas, Monteferro, Cangas, Cerdedo, A Coruña, asociacións de viciños, asociacións ecoloxistas... e doume de conta do abismo existente entre o Estado e o público, doume de conta de que os estados son máquinas burocráticas de defensa dos intereses do capital, de que corpos e forzas de seguridade do estado están para defender eses intereses de calquera protesta cidadá, doume de conta de que o marxismo-leninismo segue a dar a máis certeira análise da sociedade na que vivimos.

Os estados actuais alcanzan a perfección e a perversión máis álxidas da historia contemporánea. Convencéronnos da súa necesidade, de que defenden os intereses de todos, de que son a única vía, de que son os creadores do pensamento e da liberdade. Son como unha grande televisión universal, todo o que non saia deles non existe. Os estados modernos son a caverna do século XXI, pero aínda que non o creamos existe outro mundo por conquistar, o mundo público; e nesa conquista están a abrollar os movementos cidadáns alleos á esquizofrenia capitalista do axioma “todo aquilo que é rendíbel en cartos é lícito e bo para o ben común”.

Nesa loita diaria atopámonos de frente cos partidos políticos inmersos no xogo do sistema que, con pequenos matices, exercen políticas semellantes con respecto á xestión dos bens públicos. Ningún deles é quen de atallar a corrupción urbanística, e sobran os exemplos en vilas e cidades nos que os dirixentes corruptos non pagan as súas débedas coa sociedade, onde se licitan obras ilegais que a pesar das sentenzas xudiciais non se paralizan; ningún deles é quen de eliminar a influencia das empresas privadas na xestión do nosos intereses e pedirlles contas polos desfalcos de cartos públicos (cantas empresas recibiron subvencións a fondo perdido para logo marchar onde a man de obra é máis precaria, ou para logo desaparecer?); ningún deses partidos é quen de eliminar a incidencia ideolóxica das institucións relixiosas no ensino e na vida pública, non hai máis que mirar hai uns anos ao alcalde de Vigo, Lois Pérez Castrillo, do BNG, asistindo á procesión do Cristo da Vitoria representando “aos/as vigueses/as”.

De frente pois estarán eses partidos e o estado que defenden, e na outra beira, cada vez máis separados, estaremos nós cando chegue o momento. Mentres vou tomar a medicación.

4,55/5 (11 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Ricardo Castro

Vigo (1970). Licenciouse en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago. Traballou de profesor no ensino privado e agora é operario industrial. Pertence ao colectivo Redes Escarlata. »



Anteriores...