Estos días comeza a debatirse no “Congreso dos Deputados” a última reforma da Seguridade Social, sen que os seus promotores: Governo, Sindicatos e Organizacións Empresariais españolas, teñan explicado á cidadanía por qué son necesarios os cambios que se propoñen. A modificación da protección social é un deses temas que requiren pactos de estado e consensos populares moi amplios e, sen embargo, estase optando por introducir cambios pouco a pouco no camiño de “intensificar a contributividade do sistema e avanzar nunca maior proporcionalidade entre as cotizacións realizadas e as prestacións obtidas”, tal e como se dí na exposición de motivos do proxecto de lei. Todas as reformas, ademáis dos consabidos recurtes no acceso e na cuantía das prestacións, van debilitando o carácter solidario do sistema de protección social, como tamén ocorre neste caso. Pero non é o obxectivo deste artigo facer unha crítica do Proxecto de Lei de Medidas en Materia de Seguridade Social, senón chamar a atención sobre o sesgo de xénero que teñen algunhas destas medidas, deténdome no suposto das pensións de Incapacidade Permanente.
Esta medida non supón en nengún suposto un incremento da pensión, mentres que en algúns vai a supor unha merma considerable da cuantía, especialmente para aquelas persoas que teñan menos anos cotizados, quen maioritariamente van ser mulleres. Segundo dados do INSS, a idade media das altas de incapacidade permanente é a de 50 anos. Pois ben, unha persoa con cincoenta anos de idade e 25 cotizados non terá nengunha repercusión económica coa aplicación desta nova Lei. Pero si ten so 10 anos cotizados, na IP Absoluta pasaría a cobrar só o 80% da base reguladora, e vez do 100%, e na IP Total cobraría so o 44% en vez do 55% actual. Vai ser difícil que atopemos no réxime xeral da Seguridade Social, un home de 50 anos de idade que non tivese cotizado alomenos 10 anos, pero sí atoparemos unha morea de mulleres nesa situación.
Parece que os promotores desta reforma non consideraron este impacto de xénero, polo que sería necesario que as súas señorías o tivesen en conta para introducir, cando menos, medidas correctoras, xa que esta merma das cuantías van a afectar en maior medida ás mulleres próximas á idade de xubilación; e non so no réxime xeral senón tamén, e mesmo en maior medida, no de “Empregados do Fogar” e no de “Autónomos”. Mulleres de certa idade que por mor da atención exclusiva a fillos e familiares (sen esquecer a ideoloxía dominante no réxime franquista) teñen unha carreira profesional moito máis curta que a dos homes e que agora, despois de sofrir a “doble xornada” e quedar incapacitadas, van ser as principais afectadas por estes recurtes na prestación.
O mesmo hai que dicer respecto a outras medidas que endurecen o acceso ás prestacións a través da esixencia de acreditar máis anos de cotización, como na pensión de xubilación ou na xubilación parcial. Deberíamos ter en conta que estas medidas na realidade social actual non afectan de igual forma a homes que a mulleres, e conlevan sempre un maior perxuizo para estas.
Esperemos que as nosas señoras e señores deputados do Congreso, sexan quen de aplicar consecuentemente principios básicos, proclamados e nunca cuestionados, como son a transversalidade de xénero e a acción positiva.
Natural de Lugo (1954), é licenciado en Dereito. Histórico do sincadalismo nacionalista, participou na constitución da INTG e anos máis tarde na da CXTG. »