Na televisión local Localia puiden seguir un mal debate sobre a situación da factoría de ASTANO, con tres protagonistas, o presidente do C.E. de Navantia, Ramiro; un representante do BNG, Manuel López Foxo; e o senador do PSOE Javier Carro.
Devén insoportabel cómo se afronta a cuestión, e revela que hai dous mundos separados e distintos, duas visións imposibeis de casar.
O sindicalista de Navantia ocupou o seu tempo en teorizar sobre a crise económica global, e defender que o futuro da construcción naval en Ferrol depende en exclusiva da demanda militar, e aí a corrección das propostas sindicais vixentes, cando menos por parte da representación da sua empresa.
Nada que obxectar á posición do BNG e os argumentos do seu representante, que recordou a preocupación da consellaría e os seus planos. Correcto, ainda que a min apóucaseme o entusiasmo cando lembro que éste mesmo representante defendeu con afán a instalación da Planta de Gas dentro da ría.
Pero a actuación no debate –e no seu traballo político—do senador do PSOE trascende a simple defensa de posicións políticas pragmáticas, interesadas, partidarias, resignadas, pánfilas ou inxenuas. Mais ben mostrou outra cousa: cara, moita cara, cinismo e desprezo.
Vexamos algunhas afirmacións: “a construcción naval civil é unha continua fonte de frustracións” ; “os barcos non son negocio” ; “pretender o Ferrol dos anos 70 é puro romanticismo”; “a proposta de Barreras-Consellería de Industria é unha ocorrencia”;
“hai que esquecer o dos barcos e pensar nas infraestruturas que aí é onde estamos facendo un grande esforzo” ; “a crise global está a traer rescisión de contratos de barcos”; “O de Vigo é un espellismo, e no 2010 en Barreras ficarán 60 traballadores”
Ese senador éo pola circunscripción de A Coruña, pero pasa por ser un representante dos intereses de Ferrolterra no Senado. E antes, na lexislatura anterior, no Congreso.
Para debater sobre a situación do Astaleiro de Perlío, deberiamos negarnos ao uso dese eufemismo cretino dos “activos ociosos” . Hai unha factoría ociosa, sí, pero seríamos mais intelixibeis se falaramos de gradas e peiraos baldeiros. Así o crime industrial fica evidente, e a falla de respeito que o Goberno do Estado –e os cómplices sindicais que solventaron problemas particulares e foráneos naquel acordo clandestino e vergoñante na U.E.—ten para a poboación de Ferrol, e o pouco aprecio que observan polas necesidades económicas e industriais, polo futuro en suma do noso país.
E pregúntome eu se a situación sería a mesma, se cabería esta especie de representantes inversos se o sistema electoral fose de distrito, e loitaran polos votos na comarca aspirantes que acó tiveran de dar contas do que defenden.
Mentras non inventen un medio de transporte que supere aos barcos, mentras o comercio mundial dependa dos fletes marítimos, mentras siga esa industria sendo compendio industrial e tecnolóxico, apetencia e realidade de países avanzados, mentras haxa empresas e emprendedores que sigan facendo negocio en este sector, mentras o mar siga sendo vía principal de comunicación….mentras haxa quen saiba doblar o ferro, estes militantes de infantería inversa pasarán e non serán capaces de maior dano. Se nos decatamos, se reaccionamos. Se queremos futuro.
Naceu na bisbarra de Ferrol en 1950. Foi un membro destacado do comité de Astano nos primeiros anos 80. Militou no PSG-EG e chegou a ser concelleiro en Fene por Unidade Galega. Na actualidade dedícase ao mundo da empresa. »