Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Charo Fernández Velho

Unha nova conciencia social sobre a violencia machista

18:20 26/12/2008

As declaracións feitas polo alcalde de Neda aos medios a raíz do asasinato de María Fraguela, veciña do concello, polo seu compañeiro, foron ben desafortunadas, en primeiro lugar desde o ponto de vista humano. Seguramente nesas horas de dor a familia e amizades de María esperarían do seu alcalde unhas declaracións de condolencia, e o conxunto da cidadanía agardabamos unhas declaracións de denuncia ante un dos problemas sociais máis preocupantes na Galiza, onde padecemos no que vai deste ano 2008, seis mortes por violencia de xénero, sendo esta a terceira en pouco máis dun mes.

Foron, ao meu xuízo, unhas declaracións sexistas e reaccionarias, que reflicten unha escala de valores que perpetúa a ideoloxía patriarcal. Porque unha autoridade política, neste caso a maior autoridade do Concello, mencionou unha posíbel depresión do agresor a causa do plan sectorial para construír vivendas protexidas no concello, e isto unha trascendencia que o alcalde probabelmente non alcanzou a ver. En primeiro termo porque nunca unha depresión é a orixe, a causa ou o desencadeante dunha agresión, e menos desta magnitude. A depresión conduce ás persoas, en todo caso, a maltratarse a si mesmas. Alén deste pequeno “pormenor”, xa abonda de identificar o maltrato co trastorno mental e, en consecuencia, aos maltratadores con trastornados. A violencia de xénero non é un problema de saúde mental, nin de consumo de certas substancias; é un problema de xénero, de desigualdade e de dominación.

Con estas declaracións vense a xustificar inconscientemente que é natural que os homes descarguen as súas tensións sociais na casa; e claro, na casa estamos as mulleres, porque o espazo privado é entendido como propio das mulleres. A casa, a familia, é a institución básica do sistema patriarcal e o espazo do privado é asignado tradicionalmente ás mulleres, e nisto se sustenta a consideración de que o espazo do privado non se ve suxeito ás mesmas normas que o público.

Xa que logo, estaba a xustificar o comportamento que poida ter un home na súa vida privada, coa súa parella, como o é en miles de casos de mulleres na Galiza que padecen a diario malos tratos por parte dos seus compañeiros, e que poden conducir á morte da muller no peor dos casos.

Aínda hai ben pouco que as relacións entre os homes e as mulleres pasaron a formar parte do que é considerado público e político, polo que subxace en boa parte da sociedade a consideración de que os homes teñen “dereito” sobre as mulleres, e que isto ten que ver coa natureza mesma, e coa consideración de que o maltrato, as humillacións, as vexacións e mesmo os asasinatos por violencia de xénero seguen sendo algo ligado ao privado.
Se para acabar coa violencia machista todos os recursos son poucos, as leis non abondan, a atención ás mulleres nunca é suficiente e toda a acción política que se deseñe  pode non chegar, menos incidencia terán os recursos creados de prevención e atención se non somos quen de crear unha nova conciencia social onde se valoren na súa dimensión real os casos de violencia machista, todos, aqueles que se manifestan en forma de violencia psicolóxica, agresións físicas, desprezo, ou discriminacións. E deberiamos ser quen de facelo, sobre todo as persoas e institucións con incidencia e con voz na sociedade, incluíndo os Concellos.

Tanto é así que os concellos tamén teñen o seu papel á hora de actuar contra a violencia de xénero, construír unha sociedade igualitaria e colaborar coas demais institucións neste camiño. Os recursos tamén se colocan a disposición da cidadanía através dos concellos, que son a institución máis próxima e que debe asumir o seu papel referente para as mulleres que están padecendo a violencia nas súas vidas.

Esa nova consciencia social que se fai necesaria, créase, en primeiro lugar, transmitindo apropriadamente a mensaxe de que a violencia de xénero é a maior expresión da desigualdade entre os homes e as mulleres. Debemos, en definitiva, desprestixiar a violencia de xénero en todas e cada unha das súas expresións, desde as aparentemente máis leves ata as máis graves. Debemos facer que as mulleres saiban identificar todas as expresións de violencia e que se sintan apoiadas socialmente, eliminando a culpa que lles produce saberse nesta situación. Debemos axudar a construír un lugar novo para as mulleres na sociedade e eludir todo tipo de xustificación para o agresor, porque todas e todos sabemos que non hai xustificación posíbel.

Señor alcalde de Neda, debería saber que as súas declaracións atentan contra a dignidade das mulleres. E que é unha actitude irresponsábel verter algo semellante nos medios de comunicación sen medir as consecuencias, e máis sendo un representante público.

4,83/5 (12 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Veciña de Ordes, é profesora de ensino medio. Na actualidade pertence á Executiva do BNG, onde se encargar da área de Acción Feminista. »