Alá vai medio século cando en México un fato de exiliados galegos acenderon unha cacharela cultural converténdose en vangarda da rexeneración da prensa e tamén do pensamento galego.
A revista Vieiros, editada polo Padroado da Cultura Galega de México e monolingüe, converteuse nun referente de renovación estética, estilística e xeracional. A súa dirección: Carlos Velo (o intelectual que se forxou na cinematografía con grandes éxitos), Florencio Delgado Gurriarán (o poeta hilozoísta que aínda agarda por unha día das Letras Galegas), Arturo Souto (o director artístico responsábel do axeitado deseño de Vieiros) e o inesquecíbel e magnánimo Lois Soto Fernández. No terceiro número, dos catro que sacaron, prodúcese un troco: Florencio Delgado por un outro militante galeguista, Xosé Caridad Mateos.
No seu primeiro número destacan os nomes de importantes e sobranceiros galeguistas, moitos do núcleo galaxián, contactados polo poeta de Córgomo, e destaca o deseño editorial, a estética renovada dunha revista cultural, a renovación do seu discurso que marca diferenzas con aquelas ensombrecidas tralo cadaleito de Castelao. As potentes cores vivas nas súas páxinas abertas á luz, con debuxos que rachaban co formalismo artístico, son claves para a cálida acollida da crítica.
Mais a visita de Carlos Velo a Galiza co arranque dos anos 60 representa un chanzo cara a confirmación da nova xeración agrupada en Madrid baixo o nome dun afiador de Nogueira de Ramuín que endexamais existiu, Brais Pinto, malia que o ABC crera semellante invención de Xosé Ferreiro. Riron ás cachizas!
Foi no segundo número de Vieiros cando o cineasta fai unha chamada a xeito de epístola a Brais Pinto, unha picada ao protagonismo da mocidade que tiña compromiso coa nación. Seica esta carta simboliza a partida destino á fundación da Unión do Pobo Galego.
Lois Soto, o sindicalista fundador da ATEO e da FETE sección galega, o compañeiro e irmán de Castelao nos seus mitins por EE.UU. e Cuba, o secretario da Solidariedade Galega Antifeixista, o director de “Nova Galiza”, o impulsor da mestizaxe ideolóxica do marxismo co nacionalismo xa en tempos republicanos, cismando na creación do PCG xunto a Víctor Fraiz, mestre da miña parroquia (Coia) fusilado no 1937, o organizador do Fogar Galego e do Padroado da Cultura Galega en México, o cofundador da Unión do Pobo Galego, da UPG-liña proletaria e do Partido Galego do Proletariado (nome proposto por el) sempre á par do esquecido (a mantenta por algúns) Pepiño de Teis a quen quería coma fillo de seu, o incansábel Lois Soto viaxa a Galiza e o mesmo día que chega, reúnese no bar “Los Mariscos” (onde se fundara Brais Pinto) para darlle aos mozos exemplares de Vieiros e estabelecer unha relación, que en Xosé Luís Méndez Ferrín sería de aliaxe eterna. E logo reúnese con Otero Pedrayo, con Ramón Piñeiro, con García Sabell, con V. Paz Andradeā¦ E Vieiros pasa a se converter na expresión da cultura galega aquén e alén mar que aposta pola rexeneración da cultura cunha intención clara de gañar o futuro.
No terceiro número (1965) xa aparecen numerosas colaboracións da mocidade xunto ás plumas dos veteranos. Seguramente Vieiros é a mellor expresión do relevo xeracional na cultura galega xunto a La Noche. Merecería a revista un estudo devagar.
Mais unha vaca soa non ara, din os paisanos. Co cal, a revista toma partido ideolóxico dende o primeiro número nun editorial que recolle aquilo de “a nación é ou non é”. Porén non se deixa apousentar nun nacionalismo expresado no sentimento senón que procura a lume de carozo a súa conversión coa esquerda. De feito, pénsase que a saída de Florencio Delgado débese ás súas diferenzas co marxismo, como así se amosaban no seo do Padroado Galego de México entre o grupo galeguista de Elixio Rodríguez, R. Rodríguez de Bretaña, ou o devandito poeta fronte á ‘célula’ da UPG de Carlos Velo, Caridad Mateos e Lois Soto.
Vieiros sairá por derradeira vez en 1968 malia existiren datos dun quinto número en cartas e artigos dirixidos para tal. Lois Soto aseguraba que a actividade política era tan grande que non lles daba a virada aínda que eles ben contentos estaban da difusión do Terra e Tempo (os seus dous primeiros números se editaran en terra azteca). Por certo, en 1966 foran ‘secuestrados’ (como se lle di agora á censura) 500 exemplares de Vieiros por orde de Manuel Fraga Iribarne, quen acusaba de estar “injuriando a la patria”.
A listaxe dos que recibían a revista debeu chegar ao medio millar. Non esaxero ren. O interese e a rigorosidade dos traballos e as notábeis colaboracións de creación artística fan de Vieiros un referente cultural do século xx.
Na derradeira década do século pasado xurdía en internet o primeiro portal informativo monolingüe que escollía o nome da revista que levamos falando. Todo un digno relevo pois, por riba de todo, para os de antes e para os de agora, Vieiros é un faladoiro de noso e en galego, aberto ao mundo, a un mundo que hoxe se chama Palestina.
Naceu no barrio de Coia (Vigo) en 1984. Licenciado en Filoloxía Galega, ten publicado artigos en diferentes xornais e revistas culturais galegas cunha variedade temática. »