Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Marcos Lorenzo

Agustín Bueno

09:55 12/01/2009

En 1995 comecei a miña tese de doutoramento sobre a vida d’O Castiñeiriño, un barrio periférico de Santiago. Para adentrarme na comunidade local recomendáronme a unha persoa que exercería de informante chave: Agustín Bueno. Desde o intre en que contactei con el acolleume con cortesía, respecto e grande interese polo tema de investigación. Non era para menos... el era o verdadeiro experto no asunto.

Nas primeiras conversas vin en Agustín a un individuo miúdo, de complexión fráxil e espírito firme, con ideas claras, ben sustentadas e mellor transmitidas. Iso era o que eu precisaba, un mestre e un cicerone. Tras incontables sesións de entrevistas, paseos polo barrio e charlas coa veciñanza (que dan conta da súa inmensa paciencia para comigo), foime desvelando a intrahistoria dese pequeno universo. Por circunstancias do momento tiven que rematar aquela tesiña de forma apresurada. Co tempo quedaríame pesar de non lle ter ofrecido algo mellor. Así e todo a nosa relación continuou, fóra do ámbito académico, e a miña admiración pola súa figura non parou de medrar.

Agustín era un crente cristián de fondas conviccións libertarias e implicación xenerosa na mellora social da súa contorna. Ate onde eu sei, foi determinante na creación da parroquia de Fátima, de orientación progresista e galeguista. Desde esa plataforma e en pleno franquismo traballou incansablemente pola xeración de hábitos de cooperación entre os veciños e veciñas co obxecto de afrontar problemáticas concretas, pero tamén para elevar a autoestima e a cultura democrática do barrio. Tratábase de reverter séculos de inercias adquiridas de clientelismo servil e minifundismo inducido. Ou dito en xerga antropolóxica, de crear capital social. O seu ámbito de operacións foi a comunidade humana do barrio e o seu método o da pedagoxía activa. Algo máis adiante, nos anos da transición, Agustín teceu e teceu ate crear unha das primeiras asociacións de veciños de Galicia, a do Castiñeiriño. A práctica cotiá da AVV do Castiñeiriño estivo fundamentada na democracia participativa, moito antes de que os partidos comezasen a flirtear con esa concepción radical e profunda da democracia local. E Agustín tivo moito que ver niso. A súa integridade e solvencia intelectual foi o motor e o alento dun auténtico proceso de creación colectiva.

Pero as inquedanzas deste home non se limitaron ao seu espacio inmediato. No confesional creou a revista Irimia e a Coordinadora de Crentes Galegos. No docente o Seminario Galego de Educación para a Paz. No cívico a Asemblea Galega de Obxección Fiscal. E tantas outras frontes nas que colaborou desinteresadamente (ONG's varias). Dá a impresión de que detrás de boa parte das iniciativas sociais máis avanzadas de Galicia estivo a longa sombra de Agustín, a longa sombra dun home miúdo. Con discreción extrema, sen se deixar tentar pola notoriedade pública (declinou ofertas), foi vertebrando ao seu redor proxectos de acción social dun enorme valor. Agustín Bueno foi un xigante dos movementos sociais en Galicia. A súa experiencia é unha semente que nos enriquece.

Poucas veces un apelido fixo tanta xustiza. Aínda así, quen son eu para medir a estatura moral de Agustín. Máis ben é ao contrario: será el, aló onde estea, quen deberá sopesar se soubemos ser dignos e decentes. As miñas condolencias a Carmela Capeáns e aos seus fillos, e os meus parabéns a eles catro por poderen compartir unha vida co mestre.

Un pouco máis desolado,

4,94/5 (16 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Naceu na Coruña en 1970. Economista e antropólogo, traballa como consultor de proxectos sociais e culturais. A súa última publicación é un libro de aforismos titulado "Liquidación de existencias" (Edición Difusora, 2005) »