Normalmente a primeira vez que outra persoa entra no noso corpo, ou a primeira que nós entramos dentro doutra persoa, é coa lingua. Si, pode ser que antes lle chuchemos o dedo a alguén ou que lle mordamos o lóbulo da orella, mais son as nosas linguas as primeiras que nos exploran por dentro en serio, de verdade. A nosa lingua é unha das principais vías para o coñecemento humano.
Por iso é difícil esquecer a primeira vez que lle metes a lingua a alguén, a primeira vez que unha lingua entra na túa boca. Porque non deixa de ser a primeira vez que lle permitimos a outra persoa entrar dentro nosa. Ao descubrirmos a nosa intimidade, coa lingua expresamos a nosa identidade.
A que non sabías que durante un beixo se moven 29 músculos? E que os batimentos cardíacos aumentan de 70 para 150 e melloran a oxixenación do sangue? Si, o beixo beneficia o corazón. E ademais adelgaza. Nun bo morreo gastamos preto de 12 calorías!
Tamén é importante saber que o morreo é cousa de dous. Un morreo é un diálogo entre papilas gustativas, entre a lingua e o ceo do padal, entre o cuspe e os dentes. E nun diálogo entre dúas persoas hai que dar e recibir, ofrecer e aceptar, avanzar e retroceder, facer ruído e gardar silencio, entrar e saír. Morrear é unha das máximas expresións da comunicación humana.
O proceso de normalización da lingua galega é un proceso comunicativo conflitivo. Os axentes sociais máis críticos denunciamos a ineficaz política lingüística da administración, o desprezo dos media ou a eficacia da escola para desgaleguizar as novas xeracións. É un proceso no que o enfrontamento e a queixa son continuos. A perda da lingua é un drama, abofé. Mais que pasaría se ligásemos o discurso da normalización da lingua ao pracer? Se falásemos desde o discurso da satisfacción e a analoxía do bico? Un pouco de humor tamén é necesario e podemos falar de cousas serias cun sorriso nos labios. Estabamos falando de beixos con lingua…Eis a Guía Sexual da Sociolingüística.
1. Exixamos para a nosa lingua o mesmo pracer do que goza calquera lingua.
2. Se aínda nunca o fixeches busca alguén con quen te sintas cómoda ou cómodo e adiante! Aínda que ás veces facelo con persoas descoñecidas, así de súpeto, resulta mellor.
3. O proceso de normalización é un proceso social que parte de cada persoa e que se basea no intercambio de comunicacións. Podemos facer moitas cousas en solitario…, mais non nos podemos morrear a nós mesmas.
4. Se teu pai e túa nai non che aprenderon nin che dixeron como se fai, non pasa nada… Aínda estás a tempo de aprender pola túa conta.
5. Sobre este tema sempre houbo –e hai– tabús, falsos mitos, pouca información e moita ignorancia… Pasa dos prexuízos doutros tempos e adiante.
6. Hai xente á que lle gustaría probar porque intúen que lles vai gustar mais..., dálles corte! Non te acovardes, desinhíbete e goza coa lingua.
7. Aínda hai xente que pensa que darlle á lingua non é fino e xente que pensa que é un pouco vulgar…. He, non teñen nin idea!
8. A lingua é un instrumento imprescindíbel para relacionármonos, integrarnos, darnos a coñecer e coñecer xente. Sen non usas a lingua fechas portas. Non sexas pechado ou pechada.
9. Pode ser un rollo dunha noite. Ou unha relación para toda a vida.
10. A eficacia da lingua depende da práctica. A lingua mellora co uso. Ninguén nace aprendido!
11. Hai persoas que teñen problemas psicolóxicos que lles impiden darlle á lingua con normalidade. Eses problemas –identificados pola Sociolingüística como diglosia, autoodio…– teñen solución.
12. Hai persoas que teñen problemas ideolóxicos que dificultan ou impiden o uso natural da lingua. Esas problemas teñen máis difícil solución…
13. Isto tamén é un feito cultural. Respecta a cultura da túa sociedade. Se vivísemos no polo norte entre esquimós sería normal dármonos os beixos chocando o nariz.
14. Hai persoas que consideran que a súa lingua é máis útil, máis áxil, máis atractiva e mellor. A ignorancia non ocupa lugar.
15. O morreo, como a lingua, non diferencia ás persoas, é democrático: non debe discriminar por idade, raza, sexo, clase social ou lugar de nacemento.
16. É bo para a saúde e para a túa calidade de vida persoal e social. Unha habilidade necesaria no mundo de hoxe.
17. Hai quen pensa que son as linguas as que lles dan prestixio ás persoas cando realmente somos as persoas as que prestixiamos ou desprestixiamos a nosa lingua. E se nós non valoramos a nosa lingua, quen o vai facer?
A lingua é a mellor forma de descubrirnos e descubrir outras persoas. O mellor é ter como obxectivo vivir a nosa lingua como a nosa sexualidade: de forma libre, satisfactoria, consciente, responsábel e saudábel. Con normalidade!
Da relación da Sociolingüística co sexo oral falaremos noutro momento.
Segundo clasificado no III Premio a artigos xornalísticos normalizadores. Concello de Carballo 2007
(Padrón, 1971), activista social e cultural, dinamizador sociolingüístico, profesor de lingua galega, autor de obras como Orixe (Premio Blanco Amor 2003) ou a de poemas Odiseas »