O de chifrar, francamente, non sei eu se o faría. Co corazón, seguro. Porque a monarquía en 2009 é un ente repulsivo do cal non se desprende nada bo, e porque, segundo eu o entendo, España asoballa, maltrata, menospreza e mexa por riba do meu país, que até onde eu sei tampouco non lle fixo tanto mal para recibir tal reprimenda secular.
Pero hai maneiras e maneiras e por moitas voltas que lle dea, que llas dou, non acabo de ter a certeza de que asubiar nun partido de fútbol sexa a mellor maneira de se facer ouvir noutros ámbitos, quizabes por iso mesmo, porque outros ámbitos son outros ámbitos. Atopo argumentos a favor do asubío, certo, como tamén algún en contra. Por outra banda, posto que son de natureza pausada, tanta romaría xunta igual me viña grande. Non o sei. Se cadra, chegado o momento, se por un casual me atopase no estadio, coa miña bufanda do Barça, embulleirándome no ambiente ese de festa e de final, se cadra, digo, tolearía e comezaría a berrar coma un tolo até deixar a voz así que El-Rei principiase co ritual, abaneando a súa vella manciña engurrada e nacarada, repartindo venias aquí e acolá; ou pode que me dese por gardar a xenreira, as formas coma quen di, dicirme, por exemplo: acouga, non lle botes máis sal á caldeirada, pasa, home, pasa olimpicamente, que as maneiras son outras. En fin, o que eu faría, honestamente, non o sei.
Non obstante, o que nin se me pasa pola cabeza é tratar de decidir polos demais. Todo o máis, nun momento salomónico, entraría a discutir a utilidade ou non do asubío, coa esperanza remota de convencer ao meu ouvinte; en calquera caso, nadiña de tentar decidir por non sei cantos miles de persoas. Até aí podiamos chegar! Así as cousas, seica estou nas antípodas da Televisión española e dunha boa manchea de radios, porque arramplar coas imaxes, meter planos curtos, conectar con non sei quen en Bilbao, reducir o son ambiente e obviar o que sucedía, iso é decidir polos demais. Con todo, perante tal inmundicia, prefiro optar pola vía do talante, botar man da comprensión, obvialo incluso, facerme o parvo, o que non se dá de conta e vive na ignominia cultural, nas tebras dunha ignorancia que imbra. Quero facer o esforzo de me colocar a rentes do verdugo, de solidarizarme con el, entrar na súa mente, onde quizabes se suceden frases coma estas: «Ai, si, eh, separatistas. Ides ver o que é bo. Cúspesme nun ollo, eu bórrote do mapa. O meu himno, ese nin tocalo; o meu referente da transición modélica, modélico tamén. Un respecto. Ai, a envexa, que mala é. Cando aprenderedes, periféricos, panda de periféricos, burricáns, teimudos, antipatriotas. Ale, quedades sen tele. E pobre do que se laie. Dádevos por avisados, e que non o teña que repetir...». O verdugo, evidentemente, está a outra cousa. O que pasa é que despois de tantos anos escoitándolle a parolada... colléselle cariño. Até parecen grises as súas roupas, que en rigor son negras coma o remorso.
O intolerábel, o que non admite discusión, o que non se debe aceptar de ningunha das maneiras, perante o que non hai máis remedio que arrebolar estrepitosamente o puño contra a mesa, veu despois, cando se quixo reinventar a realidade, oficializar unha mentira pezoñenta, cando se actuou con premeditación para redefinir o acontecido, adaptándoo ao gusto do grupo de poder do momento. Céntrome agora en Televisión española, é dicir, en todos e cada un dos responsábeis da Televisión española, porque emitir en diferido o himno español, co son ambiente reducido a un fondo abisal e con imaxes escolmadas e groseiramente manipuladas de seareiros bilbaínos botando a man ao corazón e cos seareiros cataláns tranquiliños, véndoas vir, iso si que é propio dun réxime da peor ralea, é un acto repugnante e sen xustificación que desvirtúa a realidade, que preocupa e que non debería quedar así*. Así como verbo das bondades do asubío non teño as cousas claras, das maldades do revisionismo, si. É lamentábel. No entanto, sabendo como as gasta o verdugo e como se expresa boa parte da súa audiencia, malo será que non lle medre o club de fans.
*Tan só unhas horas despois de redactar esta artigo, leo que a dirección de TVE destitúe a Julián Reyes, o director de Deportes. Aínda que non deixa de ser unha cabeza de turco, menos dá unha pedra.
Alejandro Tobar Salazar, nado en Lugo en 1983, reside na actualidade en Copenhaguen, Dinamarca. En 2008, a editorial Tristram publicoulle a que é até o de agora a súa única novela: Cremalleiras. Tamén ten no seu haber diferentes premios literarios. »