Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Pilar García Negro

A nena que berra

10:00 31/05/2009

Artigo gañador do V Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo 2009

Bagaría (1882-1940), o extraordinario debuxante que nos deixou magnífica caricatura de Castelao, é o autor dunha viñeta en que aparecen dúas nenas: unha, no primeiro plano, toda descomposta, a berrar e a carpir; a segunda, nun recanto da escena, apouvigada e maltratada. A voz autorial pregúntalle á primeira: «Como choras tanto, se é ela a ferida?» «–Si, pero como mira para min!», quéixase a impostora. De modo e maneira que o pecado da marxinada é existir, ser testemuña da histeria da falsaria. Sempre me chamou a atención esta estampa, por me suxerir a alegoría perfecta dun episodio significativo da nosa historia lingüística actual. Dáse a circunstancia de que, no binomio de linguas presentes na Galiza, unha delas ocupa, en todos os sentidos, o primeiro plano. É a lingua oficial do Estado, a lingua ubicua, a lingua inevitábel, en definitiva. A outra berra moito menos, porque é, aínda, en gran parte, unha lingua underground, isto é, encaixada nos usos que a sociolingüística denomina primarios, as «palabras que leva o vento», que di o refrán...

A estampa de Bagaría encerra unha profunda lección para a veraz interpretación da cuestión lingüística nos nosos días. Ela debuxa unha silueta moral e procura a fisionomía interior das cousas, tal e como afirmaba o humorista catalán. Do mesmo xeito, a realidade lingüística galega actual non é interpretábel desde as aparencias senón desde os datos obxectivos. Os que máis se fan notar non son as vítimas dunha situación disimétrica entre as dúas linguas, o castelán e o galego. O paradoxo reside en que quen máis e máis alto protesta é quen menos razóns ten para o facer, xa que o suposto elemento agraviado –a lingua oficial do Estado– está sobreprotexido, non só por unha lexislación prescritiva senón por un uso megafónico multiestendido, que determina que esta sexa, na sociedade galega, unha lingua inevitábel. En troca, a lingua galega aínda é limitadamente funcional, cuantitativamente pequena e, sobre todo, cunha capilaridade reducida; isto é, segue a ser unha lingua regulada ou concentrada en usos manifestamente mellorábeis.

Non outra cousa –a mellora manifesta e programada– é o que define a normalización de calquera lingua que o precisar. No noso caso, o galego. Os parámetros de normalidade que caracterizan unha lingua como o español han de alimentar igualmente unha lingua como a galega. Do contrario, estarase a dialectalizar implicitamente o galego, contravindo así todas as definicións científicas, históricas e legais de que é obxecto. Os nosos antepasados, desde o século XIX, embarcáronse nun proxecto de rehabilitación da lingua do país; primeiro, na literatura; progresivamente, en todos os outros dominios públicos. A presenza que ninguén discutiría para o español en Madrid ou para o francés en París resulta desconcertante cuestionala, en proporcións ben máis pequenas, para o galego na Galiza. É aquí, para as galegas e os galegos de hoxe, onde e para quen o galego debe existir, se formos respectuosos coa lóxica e mais coa xustiza ecolingüística. A ensinanza está servida: non quen máis berra, quen máis megafonía ten, está asistido da razón. Será ben preguntármonos polos motivos da nena que figura no segundo plano, ou sexa, polas razóns dos que promoven que ela, na escena, pase ao primeiro plano. A quen nos interesa defender?

3,67/5 (36 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Naceu en Lugo en 1953. Profesora de Filoloxía na Universidade da Coruña, destacan os seus traballos e publicacións no ámbito do estudo da sociolingüística e da literatura. Tamen dirixe a Fundación Bautista Álvarez. »