Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Xosé Manuel Cid

Nas ondas dunha nova escola

10:30 30/05/2009

Coa denominación de “Escola Nova” ou “Nova Escola” distinguíronse dende hai máis de cen anos aquelas iniciativas colectivas, nas que se aposta por transformar o sistema educativo, procurando que a escola sexa un lugar de encontro, no que os escolares aprendan disfrutando, guiados polo “saber” e o “saber facer” de docentes comprometidos coa infancia e coa comunidade na que viven, que procuran a posta en valor do seu xeito de vida, da súa lingua, da súa cultura e tradicións, da súa historia e do seu medio natural, da súa economía, das súas formas de ser e estar no mundo.

En ocasións, esas iniciativas convertéronse en importantes movementos de cambio, que mesmo incidiron nas políticas oficiais de determinados gobernos; outras veces, constituíron fermosas experiencias illadas, que só tiveron repercusión na súa contorna e, en todo caso, serven de modelos para educadores que pretenden renovar a súa práctica escolar e procuran noutros escenarios xeográficos ou na historia da educación, uns referentes nos que inspirarse.

    Neste marco histórico e conceptual podemos situar o nacemento de Ponte...nas Ondas!, na Galiza de mediados dos noventa, nun momento en que non agromaban moitas iniciativas renovadoras e, as que xurdían, non chamaban a atención dunha administración, entretida nos aspectos máis formais da reforma educativa, cando non andaban cavilando en contrarreformas.

A lexislación estatal podía conter certos elementos de cambio, pero perdíaos polo pouco entusiasmo con que se transmitía ao profesorado e a moita ideoloxización á que se ve sometida por parte de quen seguían aferrados a unha escola tradicional, do memorismo, dos coñecementos obxectivos alonxados do mundo real, da distancia profesor-alumno, da separación escola-vida...

A reforma de 1990 non foi vista como un cambio xeral do modelo educativo, polo que tan só abriu as portas para experiencias renovadoras puntuais, que se fundamentasen na autonomía dos centros, e no desenvolvemento que estivesen dispostos a facer os docentes daqueles principios renovadores contidos na xustificación da nova normativa.
Os Movementos de Renovación Pedagóxica viron que algunhas das súas propostas históricas eran recollidas na filosofía da norma, e algúns sentíronse con forza para traballar pola súa aplicación para que non quedasen en letra morta. Ademais dos folgos que collen algúns destes movementos, xorden outros chamados a desempeñar un papel importante na renovación pedagóxica deste cambio de século.

Ponte...nas Ondas! nace no 1995, asumindo algúns destes principios clásicos da renovación pedagóxica, e desenvolvendo outros que podían estar menos activados: Saír das paredes da aula, para aprender na comunidade e coa comunidade parece ser o motor inicial, aproveitando elementos relevantes para os pobos de Galicia e Portugal como é a unión por medio da ponte sobre o río; utilizar novos recursos pedagóxicos, como era naquel momento a radio escolar e as emisoras próximas; traballar en equipa o profesorado, sendo axentes activos da súa formación permanente; ensinar na lingua materna, superando barreiras diglósicas aínda estendidas amplamente na sociedade galega; pór en contacto escolas próximas, co aliciente de pertencer a países diferentes e estar moito máis lonxe do que tiñan decidido os accidentes xeográficos; practicar unha pedagoxía de investigación do medio, na que o papel do alumno é moito máis activo e o profesor convértese nun guía experto e motivador para a consecución duns obxectivos asumidos polo alumnado.

Tiven coñecemento desta experiencia desde o primeiro momento, pero non foi ata a segunda edición de Ponte...nas Ondas!, que participei activamente no debate do seu significado pedagóxico, cando se deu a coñecer nos Encontros Galego-Portugueses de Educadoras/es pola Paz, en Vilanova da Cerveira, e no número 26 da Revista Galega de Educación, editada por Nova Escola Galega a través de Edicións Xerais.

Nova Escola Galega facía por segunda vez os seus encontros de educación para a paz, en terras portuguesas, pero o nivel de cooperación entre profesorado de Galiza e Portugal non tiña a dimensión tan estreita e de longo percorrido que lle imprimía Ponte... nas Ondas!. A renovación pedagóxica na práctica escolar cotiá traspasaba a raia galego-portuguesa, eliminando a fronteira das mentes das persoas, comezando polos escolares e tratando de incidir tamén nos adultos das comunidades veciñas.

A experiencia renovadora de Ponte...nas Ondas! sumábase á tradición do movemento de educación para a paz, na súa dimensión de fomentar a interculturalidade, e facíao de maneira vivenciada, estreitando as relacións entre pobos veciños, pero ao mesmo tempo distantes, polo efecto dos procesos políticos vividos historicamente, e con mais intensidade nese último século.

Sería uns anos mais tarde, xa comezado o século XXI, en que puiden participar máis activamente en Ponte...nas Ondas!, cando se amplía a programación ata 24 horas, con participación de universitarios pola noite. Comecei con algo de escepticismo, pola dificultade de implicar a universitarios en datas en que están próximos os exames finais, e nun proxecto que require un tipo de actividade pouco habitual na docencia universitaria.

Non deixamos de participar desde aquela edición de 2002 na que un grupo de máis de corenta persoas elaboraron a programación da noite, desprazándonos en autobús ás instalacións de Radio ECCA en Vigo. Cada promoción vaille transmitindo ás seguintes, as emocións e sentimentos experimentados nesas noites máxicas nas ondas. Repetimos en Radio ECCA, fomos a Tui, e pasamos moitas horas con Carlos en Radio  Allariz, preparando aquelas gravacións de programas que non podían facerse no directo. As novas datas, no mes de xuño, e a saída a antena por Internet, fai que o elemento máis motivador para nós, que eran as experiencias no estudo da radio, quedasen reducidas ás tardes de preparación en Allariz, ata o punto de que a día de hoxe temos nesa emisora municipal, o principal enlace con Ponteā€¦nas Ondas!, xa que podemos participar alí na gravación de programas durante o mes de maio, antes de que nos apuren os exames de xuño.

A participación baixou lixeiramente por estas circunstancias, pero o espírito renovador de Ponte...nas Ondas! mantense nas mentes de todas as promocións que pasaron pola Facultade de Ciencias da Educación, e lembramos como unha das experiencias inesquecibles a de ter participado. Ao mesmo tempo, os titulados levan como modelo de boas prácticas pedagóxicas, o traballo que se vén facendo nas escolas da raia ao longo destes 15 anos, que non só reflexa un bo labor escolar, senón unha achega importante na liña da nova educación social, pola implicación de toda a comunidade no proceso educativo.
            

4,71/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xosé Manuel Cid Fernández é Profesor de Pedagoxía Socia. Foi Decano da Facultade de Ciencias da Educación de Ourense.

»