A Cornualla é unha das nacións celtas do Reino Unido, situada no suroeste da Grande Bretaña. Con todo, apesar de gozar desta consideración de modo pacífico a nivel internacional entre a maioría de estudosos, o tratamento político que o Reino Unido lle ten dispensado historicamente está lonxe de incorporar un nivel de consideración semellante aos atinxidos por Irlanda do Norte, Escocia ou Gales. A Cornualla, por exemplo, aínda ten pendente a recuperación do seu parlamento, o Cornish Stannary Parliament. Institución lexislativa propia sen a que pensar nunha descentralización política de calado, similar á das irmás do norte, resulta impensable.
As persoas máis optimistas consideran que o pasado 1 de abril foi dado un paso de cara á consecución dunha verdadeira autonomía política. Ese día foi abolida a complexa trama político-administrativa córnica en favor dunha estrutura que se asemella máis á que sería esperable dunha pequena nación do Reino Unido, e que podería ter algunha vantaxe política.
Até o 1 de abril, a Cornualla era administrada como unha área non-metropolitana inglesa, contando cun goberno córnico, o Cornwall County Council, que partillaba poder con outros seis gobernos de distrito: Caradon, Carrick, Kerrier, North Cornwall, Penwith e Restormel. Era o coñecido como sistema de dúas liñas. A partir de agora, todos eses poderes pasan a concentrarse nun só goberno para todo o territorio: o Cornwall Council, baixo o que xa só estarán os parish/town councils, que equivalerían ás nosas freguesías, mais dotadas de capacidades político-administrativas. A poboación córnica está convocada a elixir os primeiros 123 integrantes desta nova instancia política o próximo 4 de xuño. A mesma data en que escollerán os seis europarlamentarios que corresponden á área xeográfica do suroeste, en que o goberno do Reino Unido integra a Cornualla.
O novo goberno único, que terá competencias limitadas en vivenda, ambiente, educación, ben-estar e estradas, supón unha simplificación da administración nacional córnica, que facilitará a relación cidadanía-goberno e o acompañamento e fiscalización da acción deste último. Tamén envolve un aforro importante de diñeiro, ao reducir os antigos 331 asentos do sistema de dúas liñas aos 123 actuais. Ademais, a concentración do poder nunha autoridade nacional única, abre un escenario máis propicio para unha única voz nacional, de maior peso, perante os poderes de Westminster e o mundo. Esta podería ser unha alavanca importante para avanzar na autonomía córnica.
Os dous principais partidos da Cornualla, os liberal-demócratas e os conservadores, son favorables á asunción de maiores poderes políticos. Ambos se sumaban en 2000 a unha campaña suprapartidaria para a recuperación da asemblea nacional, que chegaba a xuntar 50.000 sinaturas. Tamén o é a cidadanía da Cornualla: segundo un inquérito de 2003, o 55% da poboación córnica apoia o reestabelecemento do órgano lexislativo propio. Mais interesa reparar no nacionalismo córnico, o máis constante e potente motor en favor dunha verdadeira autonomía política.
O nacionalismo, que se xunta no Movemento Córnico para o Autogoberno, ten unha forza política verdadeiramente cativa no plano institucional. Representado basicamente polo partido Mebyon Kernow, ao que se lle podería sumar o ramo córnico do partido dos Verdes, conta cun apoio electoral inferior ao 5%. De feito non tiña representación no antigo Cornwall County Council, sumando 9 asentos nos gobernos de segunda liña. A recente simplificación institucional constituirá un desafío. Veremos o que acontece o próximo 4 de xuño.
É licenciado en Ciencias Políticas e da Administración pola USC. Foi coordinador do Observatorio Galego da Lusofonía (IGADI) e director de actividades da Fundación Via Galego, ambas entidades vocacionadas para a promoción dos intercambios entre Galicia e os países de fala galego-portuguesa. Ten publicados diversos traballos científicos na área das relacións internacionais galegas, ben como noutras áreas. Colaborou e colabora con diversas publicacións galegas e internacionais como analista de política internacional. É co-autor do libro Orgullo Galego na Diáspora, dedicado á figura de Higino Martíns Estêvez, ilustre emigrante galego en Buenos Aires. Actualmente é vicedirector do IGADI. »