Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Xoán Carlos Carreira

Unidade, a necesaria... convivencia, sempre

11:00 20/07/2009

Son xa varias as ocasións en que me tocou vivir procesos de debate en distintas organizacións e institucións nos que se reclamaba unidade durante e ao remate dos mesmos. Se cadra, esta é a razón polo que levo tempo matinando neste asunto e pola que me sigo facendo a mesma pregunta ¿por qué é boa a unidade? Nun artigo anterior falaba de que hai cousas que se aceptan como dogmas e que ninguén cuestiona. Esta tamén é unha delas.

Desde o meu punto de vista a unidade tanto pode ser  boa como mala. Na maioría dos casos, aínda que non sempre, a unidade é reclamada desde unha posición de dominio porque case sempre a favorece. Sabémolo ben os/as nacionalistas. Pero tamén desde a perspectiva dos dereitos individuais, a unidade é reclamada, en moitas ocasións, por quen ostenta a posición dominante e senón pensemos nunha grande parte dos procesos de divorcio. As veces, rachar á unidade é a única alternativa para quen está na  posición máis débil. O dereito de autodeterminación ou de divorcio, mesmo aquelas medidas que facilitan a separación, son avances sociais porque, en xeral, benefician ás persoas e pobos baixo situación de dominio.

Por outra banda, a unidade, tal e como é entendida na maioría dos casos, é a resposta a unha necesidade conxuntural, un bo instrumento que axuda ás organizacións e institucións a conseguir obxectivos moi definidos e/ou a afrontar ameazas internas e, sobre todo, externas. Sen embargo a unidade  parece un instrumento menos útil para as situacións de normalidade ou a consecución obxectivos matizábeis e variados.

A unidade ou é libremente aceptada ou acaba rachando. Manter a unidade mediante a imposición é inxusto e insostible a longo prazo. Unha organización formada por persoas que se odian non está capacitada para construír nada e nela, a unidade é un sarcasmo inútil. Só unha organización onde exista compañeirismo e fraternidade pode contribuír a construír unha sociedade máis xusta e humana.

Desde esta perspectiva, entendo que non é a unidade a que garante o mantemento dun proxecto común nas organizacións, nas institucións, nos países ou na vida persoal. A  participación nun proxecto común só se pode manter a longo prazo fortalecendo e cultivando unha convivencia axeitada. Mais a convivencia como ben sabemos, está feita de coincidencias e desavenencias. Necesita da existencia e expresión das dúas. Unha boa convivencia non é aquela na que non existen  discrepancias senón aquela na que se xestionan adecuadamente.

Hoxe en día, dentro de calquera organización que se reclame democrática, o correcto politicamente é dicir que se acepta a discrepancia ou a crítica, pero esto moitas veces non pasa da teoría. Admítense ritualmente, pero descualifícanse nas relacións persoais. En primeiro lugar, normalmente as persoas críticas non se fan merecedoras da “confianza” de quen ostenta o poder na organización ou na institución e dificilmente chegaran a ter responsabilidades na mesma se non é a traveso dun cambio na dirección. En segundo lugar a critica  tolerase ( ou no mellor dos casos respectase ) mais poucas veces se integra como parte indispensable na xeración das propostas e ideas colectivas. Sen embargo, todo o mundo sabe que a penas hai avances sociais ou científicos ao longo da historia que non naceran dunha herexía, dunha critica ao pensamento oficial maioritario. En terceiro lugar admítese a critica sempre que se dea de portas para dentro e non  transcenda ao exterior.

Por eso, cando se fan chamamentos á unidade van case sempre unidos ao reclamo da lealdade. Mais non se pode confundir lealdade con sometemento ou con fidelidade. A fidelidade é unha característica de determinadas persoas pero non creo que poida ser cualificada de virtude.

Aínda que sexa ir contra da opinión establecida, considero que as críticas, en condicións normais, deben saír fora das organizacións e ser coñecidas pola sociedade en xeral. Esto ten varias virtudes.

En primeiro lugar axuda á unha  boa convivencia. Tanto no plano persoal como nas organizacións, é fundamental, socializar as desavenencias ao nivel que corresponda. Impedir ou desacreditar o feito de que  as persoas comuniquen as discrepancias no seu contorno só favorece a acumulación de enerxía ( negativa) que acaba provocando un estoupido da situación máis cedo ou máis tarde.

En segundo lugar a socialización das discrepancias que existen nas organización no conxunto da cidadanía axuda a superar a pasividade. Todas as persoas estamos máis cómodas do lado da seguridade, cando non dubidamos de que estamos seguindo a liña correcta  política, social ou persoalmente. Por eso os debates nas organizacións coas que simpatizamos crean desasosego. Mais é un desasosego necesario que nos fai tomar unha postura activa. Pola contra encerrar a discrepancias dentro dos muros da organización transmitindo unha mensaxe sen fisuras, pode ser mellor acollido inicialmente, pero fomenta a pasividade na base social que remata por comportarse como espectadores/as (no mellor dos casos ) e mesmo como “forofos/as”  ou “fans” incapaces da menor análise crítica.

En terceiro lugar, as organizacións financiadas con cartos públicos deben ser transparentes ( coas paredes de vidro, dixo o vello comunista portugués). A cidadanía ten dereito a saber o que ocorre dentro das organizacións que se financian cos seus cartos.
A pesares do todo, non se pode negar que  a socialización das críticas tamén ten problemas. Pero moitos son solucionábeis. O primeiro que se adoita argumentar é que a discrepancia non favorece a operatividade e a unidade de acción. Sen embargo esta ten mais que ver coas regras de funcionamento dunha organización que coa existencia de crítica interna. Probablemente son os  parlamentos as institucións onde máis fincapé se fai nas discrepancias e en que estas sexan coñecidas, mais elo non impide que sexan as institución que, a traveso de leis que  obrigan a todos e a todas, dirixa e articule un pais enteiro. Hoxe en día as institucións e as organizacións son máis eficaces canto maior e o compromiso con elas e este só é efectivo si é libremente asumido.

O segundo problema que se invoca é o custe no prestixio da institución e, no caso das organizacións políticas, o custe electoral que provoca o coñecemento publico das discrepancias. Pode que sexa así, mais eu creo que ten mais que ver coa xestión e coa forma de expresalas que co coñecemento da súa existencia.

A xestión das discrepancias, na maioría das organizacións, segue o modelo masculino. Os debates son guerras e  a propia terminoloxía  así o delata . O obxectivo é “derrotar” ao adversario na “batalla dialéctica”. E, por suposto, nunca se deben admitir os erros  porque son sinal de “debilidade fronte ao adversario”.

Sen embargo hai outro modelo, aquel que considera a discrepancia como unha achega ao pensamento colectivo. Sendo así e actuando así tanto por parte de quen critica como de quen é criticado a situación varia radicalmente. A sociedade acabaría interpretando a discrepancia como  parte do proceso de toma de decisión que unha vez adoptada é respectada por todo o mundo. Os beneficios deste modelo son maiores que os problemas que xera e, sobre todo, permitiría rachar coa ideoloxía dominante. Quen está dominado/a non pode pretender cambiar a situación utilizando o mesmo modelo que beneficia a quen o domina, porque, probablemente, só vai conseguir cambiar as persoas pero non a relación de dominio. Sen abordar un cambio de actitude e modelo, as organizacións non conseguiran máis que reproducir aquelo que din querer cambiar ( temos exemplos moi recentes ) calquera que sexa o seu proxecto ou programa.

4,38/5 (24 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xoán Carlos Carreira

Xoán Carlos Carreira Pérez (Lugo, 1956). É catedrático da Escola Politécnica Superior de Lugo, da que foi director. Actualmente é vicerreitor de Infraestruturas da Universidade de Santiago de Compostela. Vinculado ao sindicalismo agrario nacionalista dende mediados dos 70. Foi membro da dirección do Sindicato Labrego Galego a comezos dos anos 80. »



Anteriores...