Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Nicolás González Casares

Qué galeguismo queremos os socialistas galegos?

12:30 24/07/2009

Esa é a pregunta que nos facemos moitos, dende as bases, e supoño que tamén nas alturas. Hai unha inquedanza que medra conforme pasan os días e o Goberno do PP na Xunta sementa o desacougo naqueles que sentimos o noso país e a súa identidade como valores esenciais a defender.

Esa é a pregunta que nos facemos moitos , dende as bases, e supoño que tamén nas alturas. Hai unha inquedanza que medra conforme pasan os días e o Goberno do PP na Xunta sementa o desacougo naqueles que sentimos o noso país e a súa identidade como valores esenciais a defender.

Tamén nestes últimos tempos asistimos ao “vale tudo” para definirse galeguista, chegándose a unha nefasta desvirtualización conceptual do termo : Baltar? é dende logo galeguista de toda a vida,onde vai parar!,o que non sabemos é se foi por oposición; seguramente Gloria Lago tamén se declare tal “porque ella es tan gallega como el gallego”; tampouco estrañaría que o compañeiro Paco Vázquez afirmara o mesmo pero con matices catolicistas… Pero o que máis preocupa é o discurso do Presidente Feijóo que apela a un “galeguismo harmónico” de xeito que algúns coma o profesor Damián Villalaín deron en denominalo o “galeguismo antigaleguista”. Resumíao recentemente o escritor Manuel Rivas: “o PP instalou unha oficina de deconstrucción do galego (entendido, alomenos por min, dun xeito xenérico)”.

No derradeiro Congreso Extraordinario de Pontevedra os socialistas galegos pechamos unha etapa e decidimos abrir outra elixindo por amplísimo consenso o novo Sº Xeral, Manuel Vázquez. “Pachi” presentouse cun discurso cheo de referencias ao galeguismo como eixo central da acción do partido, á defensa da lingua, a galeguistas insignes que defenderon as cores socialistas como Piñeiro…sen dúbida foi un discurso que agradou aos que asistimos a aquel Congreso Nacional. Na súa recente iniciativa de avanzar cara a renovación do noso Estatuto convén ler entre liñas e non ficar só cos titulares dos xornais para averiguar que Vázquez apelou a “o máis alto teito competencial” e afirmou que “O novo Estatuto non pode deixar a Galicia por debaixo de Cataluña”, polo que considero que non hai razóns para dubidar do galeguismo de quen preside a Comisión Executiva Nacional do PSdeG-PSOE.

Entón, após da apertura desa nova etapa compre tamén abrir un tempo de renovación das mensaxes e consolidación do ideario galeguista, que ás veces puido aparecer difuminado ou aparcado, pero presente historicamente de xeito transversal no PSdeG-PSOE , polo que semella prioritaria unha necesaria reflexión: definir que galeguismo queremos os socialistas deste país. Nunha recente primeira reunión do que se deu en chamar Rede Galeguista do PsdeG-PSOE, impulsada polo porriñés Iván Vaqueiro e un grupo de xoves socialistas os asistentes abriron un debate na busca de respostas a cuestións como cara a onde camiñar e que vieiros percorrer.

Desa xuntanza primeira da Rede Galeguista, que non pretende ser unha corrente interna, senón un grupo aberto de estudio, debate e propostas, saíron algunhas claras conclusións: a primeira delas é que cómpre reforzarse para combater a situación actual cun galeguismo aberto e activo, de esquerdas, fornecedor da identidade e do autogoberno, comprometido cunha España plural e cos valores solidarios e internacionalistas que definen á socialdemocracia europea. Sobre os medios para facelo acadouse gran consenso, o PSdeG-PSOE ten unha sólida historia galeguista con figuras senlleiras, de gran altura intelectual e indubidable compromiso vital con Galicia como Xaime Quintanilla, o antedito Piñeiro, Celso Emilio Ferreiro, Carlos Casares…A recuperación e adaptación do discurso de todos eles, contando co asesoramento de activos históricos como Ceferino Díaz sería a base que permitiría atallar no percorrido de elaboración das referencias do galeguismo socialista para os novos tempos.

Tamén as liñas prioritarias de actuación semellaron claras. En primeiro termo sempre aparece o debate do momento: a lingua. É pois prioritario loitar contra a nova política da Xunta neste eido , pero dende a procura dunha estratexia máis fina que a da simple confrontación. A estratexia FAES- Galicia bilingüe apoiouse na apelación á liberdade individual e utilizouse como ariete contra a necesaria e irrenunciable promoción do galego, foi a chave do seu éxito para a difusión e aceptación entre os castelán-falantes das cidades, polo que dende a Rede Galeguista enténdese que se precisa de moita pedagoxía amais da necesaria acción reivindicativa.

Non foi esquecido nesa primeira reunión da Rede Galeguista que mentres o goberno de Feijóo nos enlea co debate do galego e as súas estúpidas enquisas, no punto de mira teñen ao territorio, a Terra. Esmagar unha lingua leva o seu tempo, non chega un único Feijóo para facelo por moito que dure a súa presidencia, desfacer un territorio e mercantilizalo é máis rápido. As novas diarias arrepían, asistimos a un evidente paso atrás dos avances iniciados polo bipartito, que agora co afán depredador do PP comézanse a valorar cada vez máis. Tamén será preciso que o PSdeG-PSOE lle pida responsabilidades ao Goberno de España cando permita desfeitas semellantes para non confundir: loitar por Touriñán si, pero tamén polo Sil. Esta liña de acción, a protección do territorio e do medioambiente, debe ser, xa ao meu parecer, moito máis combativa, o PSdeG-PSOE ten que enredarse no tecido social do país para que os cidadáns tomen conciencia da necesidade de loitar por un ben que non é somentes noso, pois é herdanza de devanceiros e patrimonio dos que virán,que de seguro merecerán que os seus ollos se enchan da mesma beleza que nós puidemos contemplar na Nosa Terra.

3,31/5 (84 votos)



Nicolás González Casares (Lalín 1972). É enfermeiro do 061 de Galicia e docente sanitario. Secretario de Organización do PSdeG-PSOE de Lalín e membro do Comité Nacional Galego do PSdeG-PSOE pola Agrupación Socialista de Lalín.

»