Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Clodomiro Montero

Caixas de Aforros, os principios fundacionais siguen vixentes

09:00 11/08/2009

As Caixas de Aforros naceron para favorecer a inclusión financeira dos sectores mais desfavorecidos fronte a usura da Banca, un obxectivo fundacional que non podemos esquecer, máximo nestes tempos revoltos no sector financeiro.

Durante o proceso de descentralización do Estado existiu un consenso para ligar as Caixas á nova estrutura territorial. Froito daquel consenso as Caixas de Aforros Galegas son competencia exclusiva da Comunidade Autónoma ao abeiro do establecido no Estatuto.

Seguíase daquela o modelo financeiro alemán, con entidades ligadas ás entidades locais e territoriais, moi apegadas ao territorio e participando activamente no desenvolvemento económico e sociais dos mesmos.

A partir de final dos anos 90 impúxose dende a Unión Europea un novo modelo de sistema financeiro, baseado en macro entidades, desaparecendo as Caixas de Aforros na maior parte da Europa. No Estado español grazas á súa implicación coas Comunidades Autónomas, as Caixas foron quen de sobrevivir e comezaron daquelas as primeiras fusións.

Na década dos 90 comezou tamén a expansión das Caixas fora dos territorios de orixe. Un fenómeno que se incrementou de xeito exponencial nos últimos anos e que precisamente está na orixe dos problemas financeiros do sector. Porque xa no século XXI a expansión estivo ligada fortemente ao sector inmobiliario, polo que a crise deste sector afecta gravemente á solvencia de moitas Caixas de Aforros.

Galiza conta co 50% dos núcleos de poboación do Estado. Temos unha poboación moi envellecida e moi dispersa, factor que encarece achegar calquera servizo a poboación, (argumento que estivo na mesa durante o debate do novo sistema de financiamento autonómico), e que tamén encarece os servizos financeiros.

A Banca privada pechou a maior parte das oficinas do rural galego. Hoxe as Caixas quedáronse soas prestando un servizo a gran parte da poboación galega facilitando a inclusión financeira a estas persoas.

Unha absorción apartaría os centros de decisión e facilitaría o peche de oficinas e, polo tanto, deixaría sen servizos financeiros a milleiros de galegos e galegas que viven no rural, traizoando o motivo fundacional das entidades de aforro.

Por outra parte as Caixas Galegas teñen numerosos investimentos en empresas punteiras e estratéxicas para o país, no sector pesqueiro, agrícola, industrial, enerxético, audiovisual, asistencial, etc.
 
A absorción das Caixas galegas por outras entidades poría en perigo estes investimentos rachando o consenso establecido sobre o modelo de Caixas ligadas ao territorio.

Por último é preciso lembrar que a Obra Social e Cultural (OSC) das Caixas Galegas supuxo uns orzamentos de 700 millóns de euros nos últimos cinco anos e este ano 2009, de 168 millóns de euros. A absorción das nosas Caixas suporía que a contía e o destino destes recursos se decidira fora de Galiza.

É preciso abrir un debate sobre o futuro e o papel que as Caixas de Aforros deben cumprir en apoio ao desenvolvemento económico e social de Galiza sen perder de vista a súa orixe. Un debate que debería desembocar na aprobación dunha nova Lei de Caixas de Aforros polo parlamento galego.

4,6/5 (15 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Clodomiro Montero é secretario nacional da federación de Banca e Aforro da Confederación Intersindical Galega. »