Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Inhigo Ansotegi

Palabras baleiras

17:25 07/10/2009

-Alicia: A cuestión –insistiu- é se se pode facer que as palabras poidan significar tantas cousas diferentes.
-
Humpty Dumpty: A cuestión –tallou- é saber quen manda...  iso é todo.

Lewis Carrol: Alicia no País das Marabillas

Dicía o poeta António Ramos Rosa que quen fería as palabras, non fería en van. As palabras son a ferramenta básica da linguaxe, da construción de razoamentos e cosmovisións. Naturalmente, esa capacidade fai que estean atravesadas de relacións de poder como marabillosamente reflectira Lewis Carrol no famoso diálogo entre Alicia e Humpty Dumpty.

Nestes momentos de resaca electoral, o discurso público do nacionalismo precisa atopar as verbas que o enganchen ao sentir maioritario da poboación galega e que sirvan para tecer simpatías e ilusionar de novo à xente co proxecto da dignidade nacional e a xustiza social que o nacionalismo reelabora constantemente para o noso País.

Constitúe un erro de vulto pretender convencer e motivar empregando conceptos alleos, crípticos e estraños para o público obxectivo. Aproxímase a Asemblea Nacional de Galiza Nova e é o momento de actualizar o discurso do nacionalismo xuvenil, clarificando a situación real da mocidade galega, mediante a análise dialéctica e ponderada, e os obxectivos do actuar político, priorizando as actuacións encamiñadas a elevar a dignidade nacional e a defender o benestar social.

Neste empeño, atopámonos con discursos propios de pensamento máxico que pretenden conxurar a súa carencia de proxecto e a súa responsabilidade na deriva da organización patriótica xuvenil mediante a repetición de palabras ideoloxicamente fortes, coma imperialismo, modelo capitalista neoliberal, etc. A súa repetición coma un mantra reduce o potencial analítico e transformador ata convertelas nun meigallo moderno que nin sequera sirve para, cando menos, sumar simpatías noutras organizacións sociais e políticas nacionalistas.

Moitos outros compañeiros e compañeiras levamos anos defendendo unha reorientación do actuar de Galiza Nova, posto que aspiramos a que sexa a organización xuvenil referencial da xente nova do noso País. Unha Galiza Nova que acredite na pluralidade do nacionalismo político e social e que o asuma como un feito diferencial e enriquecedor. Unha Galiza Nova que constrúa sobre esa pluralidade a súa estratexia de combate ao modelo reaccionario e españolista que nos queren impór, facendo unha proposta positiva e aberta ao conxunto da mocidade e atendendo ás súas (nosas) reivindicacións máis sentidas, encadrándoas no marco xeral de análise que o nacionalismo aporta. Unha Galiza Nova audaz e capaz de facer as reformas internas precisas para ser unha organización operativa, primeira pedra de defensa da xustiza e a dignidade para a mocidade galega.

É o momento de tomar a palabra e a acción e estamos dispostos a elo. Galiza non pode continuar a carecer dunha organización nacionalista xuvenil que a defenda exitosamente. É o noso reto e a nosa misión.

3,84/5 (19 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Inhigo J. Ansotegi Soares (1982), responsábel de Organización da Mocidade Socialista Galega, membro da Xestora Nacional de Máis BNG e da Plataforma 'Entre tod@s, unha Galiza Nova'. Licenciado en Ciencias Políticas e da Administración pola USC. Profesionalmente, é autónomo no sector agroindustrial vitivinícola en Valdeorras. »