Hai hoxe dez anos Lois Pereiro, un dos autores clave da poesía contemporánea galega, morría antes de tempo na Coruña. Con só dous libros publicados, e unha morea de letras espalladas en revistas, fancines, recompilatorios, guións, cancións... é unha das reperencias principais dunha xeración que xuntou, primeiro en Madrid e logo na Coruña, a xente como Manuel Rivas, Xosé Manuel Pereiro e Antón Patiño, que fundaron na capital de España unha revista en galego: Loia. Hoxe tería 48 anos. E ao pasaren dez da súa morte, podería ser xa candidato a homenaxeado do Día das Letras, algo que dende algúns sectores piden para darlle modernidade á efeméride e para recoñecer a obra dun poeta xa clásico a quen paga a pena descubrir.
Lois Pereiro naceu en Monforte en 1958. Con 17 marchou a estudar a Madrid co seu irmán Xosé Manuel. Fixo estudos de tradución e, tal como conta o outro Pereiro nun artigo publicado o pasado 17 de maio en La Vanguardia, sobreviviu traducindo películas e series de televisión, cando había, e cine porno cando non había outra cousa. O espíritu punk estivo presente na súa vida e no seu traballo, como o estivo en toda esa xeración de artistas, músicos, poetas e creadores que viviron intensamente os 80.
Ten dous libros publicados, en Edicións Positivas: Poemas 1981/1991 (1992) e Poesía de amor e enfermidade (1995) e 8 capítulos dunha novela sen acabar, Náufragos do paradiso, que publicou a revista Luzes de Galiza nun dos seus últimos números.
Dedicarlle o Día das Letras a Pereiro non é unha das probabilidades que se agardan da Real Academia Galega, cuxos membros son todos máis vellos do que sería hoxe o poeta, pero si sería unha clara aposta pola literatura galega máis contemporánea e radical. E, como di o escritor e xornalista Jaureguizar, por primeira vez poderíamos ver un dos homenaxeados falándolle á televisión. Na enquisa proposta por Vieiros hai un ano sobre a quen se lle debería dedicar o Día das Letras no 2006, Lois Pereiro gañou con moita diferenza entre os nosos lectores.