As seccións sindicais de Bazán proceden nestes dias a debater polo miudo as virtudes e defectos da Acta de preacordo asinada a pasada semana sobre o Plan de Futuro deseñado pola SEPI para Bazán. A CIG manifestou o seu desacordo total mentres que o resto de sindicatos aplauden os logros conseguidos na negociación. Nos próximos días os traballadores terán que votar a prol ou en contra do Plan de viabilidade.
O Pleno do Comité de Empresa da factoría ferrolana de Bazán reunirase hoxe ou mañan para convocar ós traballadores a unha Asemblea. Será o Comité de Empresa o que decida cal vai ser o mecanismo elixido para que os traballadores se posicionen en torno ó Plan de viabilidade.
En calquera caso, ben nunha asemblea, ou nun referendum, os traballadores terán que expresarse en torno a este Plan de Viabilidade.
Para a CIG o Plan é inasumible na medida en que elimina 1.122 postos de traballo na Comarca de Ferrol. Para CC.OO, UGT e USO os acordos acadados son satisfactorios na medida en que se consiguen boas condicións económicas para a prexubilzación destes traballadores maiores de 52 anos e na medida en que se incorporarán 310 novos traballadores. O acordo contempla ademáis a posibilidade de incorporación de mais de 100 novos traballadores nas empresas auxiliares.