Baixo o lema "un día con Don Condón", o grupo de autoapoio de seropositivos e enfermos de sida "Imán" organiza para o vindeiro sábado unha festa de exaltación do preservativo coma método de prevención das enfermidades de transmisión sexual e sida.
Os actos previstos celebraranse a partires das sete da tarde na Praza da Constitución e, inclúen a distribución de material informativo sobre o uso do preservativo, o reparto de 3.000 profilácticos e unha exposición do programa "os preservativos no entorno familiar". As oito da tarde está previsto o nomeamento popular do preservativo coma "campión da prevención". Ademais, os asistentes gardarán un minuto de silencio en lembranza das persoas falecidas a causa do sida e das drogas. A festa culminará cun concerto a cargo do grupo Tony Lomba&Elio dos Santos.