Vieiros

Vieiros de meu Perfil


RSS de
APROBADO O PLAN ESTRATÉXICO DAS TECNOLOXÍAS DA INFORMACIÓN

No 2006 haberá rede sen fíos en todos os campus da USC

Acadar unha cobertura do 100% para a rede sen fíos da Universidade, dobrar a oferta de materias que poden cursarse a través de internet, ampliar o número de equipos e aulas informáticas e crear unha fundación de ámbito galego para o fomento da sociedade da información, son os aspectos máis destacados do Plan Estratéxico da Información e das Comunicacións aprobado polo consello de goberno da Universidade de Santiago.

- 08:51 23/06/2004
Tags:

Serán preto de cen accións concretas encamiñadas ao desenvolvemento e a incorporación das tecnoloxías da información e as comunicacións no cotiá da comunidade universitaria compostelana e do seu campus lugués. Segundo declarou o reitor na presentación do Plan, trátase de darlle mellor resposta ás demandas da sociedade a través do que supón un proceso de "cambios cualitativos no bo uso das TIC na USC".

Incluído no Plan Estratéxico da USC 2010, o proxecto é froito das achegas dun cento de usuarios, expertos e profesionais que colaboraron para os informes e propostas que están na base do documento final.

O proxecto abrangue aspectos vencellados coa integración das TIC nos procesos de ensino e aprendizaxe, estudantes, investigación, xestión e administración, bibliotecas e acceso a fontes de información, aspectos tecnolóxicos e de soporte ao usuario, formación, a web institucional e a relación das TIC coa sociedade. Está previsto ademais que en dous anos se duplique o número de aulas dotadas con cañón, pantalla e internet así como os servizos vinculados á tarxeta Universitaria Intelixente.


Ligazóns

0/5 (0 votos)