Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
PLAN DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

Carlos Callón: "O Plan carece precisamente de planificación"

O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, considera que en realidade o PXNL non é realmente un plan, porque carece dunha dirección técnica e política "que servise para planificar a introducción do galego en todos os ámbitos e recuperar falantes". A Mesa acha en falta "que as máis das 400 medidas que se propoñen están sen priorizar. (...)Se non planificas o traballo, non podes falar de Plan: cómpre explicitar os prazos, as vías orzamentarias, etc... e nada diso hai. Hai medidas moi interesantes ao lado doutras que son auténticos disparates".

- 08:20 21/09/2004
Tags:

En liñas xerais, como valora o bosquexo do Plan de Normalización Lingüística?
Nós pensamos, en primeiro lugar, que, aínda que se chame Plan, propiamente non o é. O que hai é un conxunto de medidas soltas, non moi ben conectadas. Fáltalle unha dirección técnica eficiente e, sobre todo, unha dirección política que realmente se preocupase de que fose un auténtico Plan de Normalización Lingüística, que servise para planificar a introducción do galego en todos os ámbitos e recuperar falantes. Hai medidas, pero propiamente non hai un plan. A ver se despois do seu paso polo Parlamento se pode limar máis... Con todo, o que hai nestes momentos como bosquexo non se pode considerar un Plan de Normalización Lingüística.

Un dos principais defectos do Plan é que as máis das 400 medidas que se propoñen están sen priorizar. Vemos que hai unha serie de medidas moi boas, como o 50% do galego no ensino ou o caso do preescolar, pero quen di que desas 400 medidas non se van aplicar precisamente as menos urxentes ou prioritarias? Se non planificas o traballo non podes falar de Plan: cómpre explicitar os prazos, as vías orzamentarias, etc... e nada diso hai. Hai medidas moi interesantes ao lado doutras que son auténticos disparates.

Cre que o proceso de creación e redacción do plan foi o
axeitado?

Non. O procedemento de elaboración do Plan é indicativo do interese que ten o goberno cara a lingua. Foi un auténtico despropósito. A Mesa pola Normalización Lingüística formou parte do movemento crítico que desde o primeiro momento pediu que o proceso fose aberto e participativo. É certo que ese movemento tivo unha parte de éxito na medida en que na metade do proceso se conseguiu que persoas e colectivos en absoluto afíns ás políticas do goberno puidesemos entrar nas comisións, como é o caso da Mesa ou da AS-PG, representadas polos seus presidentes. A Mesa integrouse no momento en que recibimos a chamada da Dirección Xeral de Política Lingüística e fixemos unha serie de propostas. De feito, boa parte das medidas máis positivas que recolle o documento son obra dos grupos e colectivos máis discrepantes. A propia Mesa pola Normalización Lingüística soubo da existencia do bosquexo do Plan polos medios de comunicación. E non foi por desinterese pola nosa parte por coñecer ese texto definitivo. Á hora de elaborar un Plan coma este o camiño é fundamental. E aquí fallou. Outra cousa é que nos respondamos como sempre respondeu a Mesa: con ganas de negociar e de debater, sen pecharse en banda en ningún momento ao contraste de ideas para que o idioma avance.

Cal vai ser a actuación da Mesa pola Normalización Lingüística respecto do Plan?
Nós somos en principio escépticos. Sabemos que vai haber un documento con medidas moi dispares, unhas disparatadas e outras que poden supoñer un adianto importantísimo, sobre todo no ámbito de ensino. Pero non é por falta de documentos nin de leis que o galego non avanza. Hai unha Lei de Normalización Lingüística aprobada hai 20 anos que agora está moi desfasada, é verdade, pero que traza unha serie de liñas xerais de traballo, unhas tendenciais e outras prescriptivas, como a toponimia, que non se están cumprindo. O decreto que marca as materias mínimas a impartir en galego no ensino, tampouco se está a cumprir. Por non falarmos de moitos plans e documentos que xa hai, entre eles, o propio programa electoral do Partido Popular naquelas cuestións ambiguas que ten a favor da lingua. Por certo, o propio Plan de Normalización Ligüística estaba no propio programa do PP desde hai moitos anos. Non é por falta de documentos, o que falta é vontade. Neste sentido, lembro o que lles dixo un alcalde do PP aos voluntarios que viñan limpar o chapapote do Prestige: "Non fagades nada, que xa temos un plan". Nós, desde logo, non imos caer nesa trampa. Vemos positivo que haxa medidas que supoñan un paso adiante para a lingua, pero nós imos seguir traballando para que esas medidas se implementen, e non só no ámbito do ensino.

Non se opta por un sistema de inmersión no ensino, senón por unha ampliación da porcentaxe de horas impartidas en galego. Creo vostede axeitado?
A nós parécenos unha etapa dentro do obxectivo da plena galeguización da docencia, que é o que nós defendemos. Non só no que se refire ao 50% das aulas en galego. Hai outra medida que abre a porta a que os pais en preescolar poidan dedicir que os seus fillos se escolaricen en galego. Isto parécenos tamén un paso adiante moi importante, que suporía mudanzas lexislativas, dentro do obxectivo xeral que defendemos.

Cre que unha Dirección Xeral dependente da consellaría de Educación é o ámbito axeitado para encargarse da política lingüística da Xunta?
Nós defendemos desde sempre a transversalidade. Cremos que debe haber un departamento que coordine a actuación da administración autonómica. Nestes momentos temos unha Dirección Xeral que depende de Educación, mais que non actúa en educación nin noutros ámbitos, porque din que non ten competencias, por exemplo, no caso da dobraxe das películas ou noutros moitos. En realidade, o que pasa, non obstante, é que boa parte dos orzamentos de política lingüística van para algúns medios de comunicación. Tamén se trata de implicar ás administracións locais e provinciais na normalización lingüística.


0/5 (0 votos)