A autovía Monforte-Ponferrada, ou cando menos os estudos previos para a súa construción, podería ser realidade nun futuro próximo, de prosperar as emendas aos orzamentos do Estado presentadas polos grupos do PSOE e do PP. Se temos en conta a inmensa maioría de deputados que representan estes dous grupos, a vella aspiración valdeorresa debería abrirse camiño, sen dificultades, no trámite parlamentario.
Os socialistas xa presentaran unha emenda, asinada por tres deputados orixinarios das provincias polas que transcorre a estrada: Charo Velasco, por León, Alberto Fidalgo, por Ourense e José Blanco, a man dereita de Zapatero, por Lugo. Nela pedían unha partida de 200.000 euros para o estudo previo para facer da N-120 unha autovía.
O PP, pola súa parte, considera insuficiente a dotación proposta polo partido do Goberno e cifra en 500.000 euros a cantidade necesaria para estudar a viabilidade da nova autovía, así o transmitiu o deputado ourensán Celso Delgado aos responsables do seu partido no Barco, nun encontro celebrado no día de onte e no que estivo acompañado polo presidente provincial, José Luis Baltar.