Tal como se prevía, os estados da Unión rexeitaron a proposta do goberno español para que o galego, o catalán e o vasco teñan estado de oficialidade na Unión. De todos os obxectivos que pretendía o goberno español coa súa iniciativa, só un se admitiu parcialmente, precisamente o que menos repercusión social ten. Ademais, a decisión obriga a que o estado en cuestión, neste caso o español, realice todas as xestións e pague todos os labores de tradución.
O comité de representantes permanentes da Unión Europea xuntouse hoxe en Luxemburgo para preparar o crucial cumio desta semana, co tema dos orzamentos e dos nons nerlandés e francés enriba da mesa. Pero tamén se abordou neste cumio a proposta do goberno Zapatero de concederlle un determinado estatus de oficialidade ao galego, ao catalán e ao vasco.
Catro eran os obxectivos que integraba a proposta do goberno español de recoñecemento oficial do galego, catalán e vasco. O primeiro deles era precisamente ese recoñecemento, que o galego gozase dunha posición especial na Unión, e iso foi rexeitado completamente. As leis non se traducirán a estas linguas, pero concédeselle permiso ao estado para realizar este labor de tradución certificada, se así o desexa, e de distribuílas, pero sen que teñan ningún tipo de valor legal.
O segundo era o dereito dos cidadáns a comunicarse coas institucións europeas, por escrito, en galego, catalán e vasco. A solución que ofrecen os 25 é que os cidadáns lle envíen esa carta a unha entidade que cree o estado español, que sexa esta entidade a que pague e realice a tradución, e que lle reenvíe á Unión esa comunicación en castelán.
O terceiro era a posibilidade dos europarlamentarios de empregaren o galego nas súas intervencións. Os 25 decidiron que, para que iso fose posíbel, habería que avisar cun amplo prazo a intervención e que, en todo caso, sería o estado en cuestión o que se comprometería a desprazar e pagar o persoal intérprete que faría a primeira versión. Desta posibilidade poden beneficiarse neste momento só catro persoas no mundo: Rosa Miguélez, Antolín Sánchez Presedo, Carme Fraga e Daniel Varela.
A última reivindicación era a inclusión destes idiomas no programa Lingua de promoción intereuropea, que tamén foi rexeitado por canto a creación do programa Lingua non é unha competencia exclusiva do Consello, senón un ámbito de codecisión, e debe ser a Comisión quen presente unha proposta.