A conexión entre a N-536 e a N-120 permitiría evitar que o tránsito que xera a industria louseira pase polo centro do Barco. O estudo informativo, presupostado en 178.817 euros desvelará o trazado definitivo desta obra que todo o mundo coincide en demandar como unha das prioridades para a comarca de Valdeorras. O novo acceso será construído entre Sobradelo e O Barco sen que, polo momento, se coñeza a súa dirección, se cara o polígono da Raña, como pretende o concello do Barco, ou cara a Veiga de Cascallá como defenden os concellos de Carballeda e Rubiá.
O tramo da N-536 entre Viloira e Sobradelo é un punto negro do tránsito de vehículos relacionados coa actividade mineira. Segundo informa o diario "La Región" por estes seis quilómetros circulan anualmente 6250 tráiler que transportan 150.000 toneladas de lousa, 50 diarios, aos que hai que sumar os camións que levan o "rachón" (lousa en bruto) para as naves de elaboración, autocares, todoterreo e turismos que levan diariamente aos máis de 2500 traballadores empregados neste sector, sen esquecer os transportes especiais de maquinaria pesada que se producen a razón de catro cada semana. Sumemos a isto as 43 curvas que se teñen que sortear neste treito de estrada e teremos un escenario realmente complicado e perigoso para todos.
No concello do Barco existe o convencemento de que finalmente a opción recomendada polo estudo que agora se licita achegará o tránsito ao polígono industrial da Raña, facendo na Proba a unión coa N-120, o que redundará en beneficio da localización da industria auxiliar da lousa no contorno do Barco. Tamén se sinala con optimismo que a dimensión da obra, serán necesarios túneles e viadutos, non será impedimento para a súa execución dentro da actual lexislatura.