O primeiro ministro francés, Dominique de Villepin, confirmou este luns na televisión que o consello de ministros deste martes vaille autorizar de xeito excepcional aos delegados do goberno a instauración do "toque de queda onde sexa necesario" co obxetivo de rematar coa vaga de violencia nas rúas que suma xa doce días. Ao tempo, anunciou o reforzo do despregue policial así coma do "poder e medios dos alcaldes" e avanzou que se lle "reinstaurarán as subvencións ás asociacións que traballan cos mozos dos arrabaldos".
Desde os sindicatos e diversos colectivos de defensa dos dereitos humanos fanse chamamentos á fin da violencia nas rúas, pero ao tempo pídeselle ao goberno que amose a súa vontade dun verdadeiro cambio nas súas políticas sociais. Do mesmo xeito, diversos colectivos islámicos franceses pediron "unha man tendida" para rematar coa vaga de violencia.
O balanzo policial deica o momento é de algo máis de 1400 coches queimados, preto de medio milleiro na propia capital francesa, 395 detidos, tres ducias de policías e 5 bombeiros feridos e 5 civís tamén feridos. Na mesma xornada, coñeceuse tamén do primeiro morto desde o comezo da revolta, un veciño de 61 anos da localidade de Stains no que varias persoas bateran logo de tentar apagar un lume nunha rúa e que permanecía en coma no hospital dende aquela.
Ao tempo, coñeceuse tamén este luns de sucesos parecidos durante a madrugada do día anterior en Bruxelas e Berlín.En cada unha das dúas cidades atopáronse media ducia de coches aos que lles prenderan lume durante a noite. Os casos aconteceron en barrios semellantes aos lugares onde abrollaron as revoltas en Francia, áreas con elevado grao de poboación nova, alto nivel de inmigración, baixos ingresos e forte desemprego, malia que desde as administracións respectivas belga e alemá cualifican o acontecido de casos illados.