David Giráldez, concelleiro do BNG en Nigrán, denunciara hai tempo a posíbel recualificación de terreos de alto valor ecolóxico nunha zona de Monteferro onde hai semanas se talaran árbores de xeito ilegal e insinuara sobre os presuntos intereses urbanísticos agochados atrás dos proxectos de urbanización nese contorno. Esas denuncias foron lembradas polo concelleiro, logo que a pasada fin de semana lle queimaran o coche, aparcado diante da súa casa. O BNG comarcal cualificou de "atentado" esta acción, lembrando que a Garda Civil apuntou que a acción "non é obra de afeccionados" e advertindo que tería claro vencello coa denuncia de irregularidades no concello que os nacionalistas veñen facendo. O goberno local fixo público un manifesto de condena do ataque. O PINN, Partido Independente de Nigrán, con cinco concelleiros, e o PP, con outros cinco, gobernan en coalición este Concello, con PSdeG e BNG na oposición con cinco e dous asentos respectivamente.