Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
VIOLENCIA DE XÉNERO

Un millón de euros para o salario da liberdade

Ao pouco de acceder ao goberno, desde a vicepresidencia do bipartito chegaba o anuncio da primeira iniciativa económica en apoio das maltratadas. Así, Anxo Quintana avanzaba a creación do bautizado "salario da liberdade": unha paga de 600 euros ao mes durante un ano para as mulleres maltratadas.

- 18:19 24/11/2005
Tags:

Diversos foros e especialistas teñen subliñado que a dependencia económica de moitas mulleres estaría por tras da resinación e o sometemento durante anos a situacións de reiterado maltrato por parte das súas parellas. Unido á baixa taxa de denuncias por malos tratos no fogar que aínda existiría en Galiza, a necesidade de reforzar os apoios para a muller nesta situación que decide dar o paso de deixar o fogar promovía esta iniciativa anunciada por Anxo Quintana, vicepresidente de Igualdade e Benestar.

Quintana lembraba a finais do pasado mes de agosto as tres recentes mortes de mulleres no Estado asasinadas polas súas parellas e logo de cualificar esta violencia coma "terrorismo de xénero" subliñaba que "o goberno galego non pode mirar cara a outro lado diante deste grave problema social".Quintana insistía na idea de eliminar o problema da dependencia económica "que en moitas ocasións padecen as vítimas e que lles impide dar o paso de denunciar a súa situación".

Nesa liña, logo de acordar un orzamento de 10,4 millóns de euros para o Servizo Galego de Igualdade, a Xunta decidía que desa partida un total de 1,1 millóns se destinase ao financiamento deste salario, consistente nunha axuda mensual de 600 euros, o cal garante que máis de 130 mulleres doutro xeito sen medios económicos para saír adiante fóra do fogar poidan acollerse a esta paga durante o próximo ano.


0/5 (0 votos)