Os primeiros meses Na súa edición do 18 de xullo de 1936 El Pueblo Gallego incluía na portada un artigo sobre a carestía do petróleo, criticaba o deficiente subministro e pronunciábase contra a alza dos seus prezos que repercutiría sobre "la clase media activa de industriales e intelectuales, pequeños propietarios y usufructuarios de rentas de trabajo modestas", ao tempo que poñía a Francia como modelo a seguir. Debaixo do anterior recolle a nova da entrega do Estatuto de Galicia ao Presidente da República e destaca unha frase pronunciada por Castelao nese acto: "Espero y deseo que el Estatuto de Galicia sirva para consolidar la República y la democracia."
Nas paxinas interiores o mesmo xornal anunciaba as festas que se ían celebrar en Sabarís, en honor a Santa Cristina patroa da parroquia. O día 23, salva de bombas e repique de campás en anuncio das celebracións; pola tarde, pasarrúas da banda de Lantaño e concerto na praza; a seguir solemnes vésperas e gran verbena ata a madrugada. As rúas con "iluminación veneciana" e foguetes abundantes e variados. Ao día seguinte, 24, salva de bombas e diana pola banda de música e as gaitas; ás dez gran misa solemne a toda orquestra na parroquial; as doce concerto e "paseo de moda"; ás cinco da tarde gran baile que se prolongará ata as doce da noite cando unha gran tirada de foguetes anunciará o remate das festas.
Aqueles días que se anunciaban festivos en Santa Cristina da Ramallosa e no concello de Baiona virarían tristemente en días de tensión e logo de crime. Sabarís sería ademais o punto de inicio das violentas xornadas do 14 e 15 de outubro de 1936 que conmocionarían a todo o Val Miñor e marcarían para sempre o territorio da traxedia coa denominación da Volta dos Nove...
» máis en Murguía. Revista Galega de Historia