O presidente da Xunta confirmaba o ruxerruxe na entrevista que este domingo publicaba o Faro de Vigo, asegurando que na axenda da ministra de Fomento para este mesmo luns na súa vista a Galiza está o anuncio do acordo acadado para a supresión da peaxe nos accesos pola autoestrada a Vigo e A Coruña. Emilio Pérez Touriño destacaba que a peaxe será definitivamente eliminada antes do verán e aseguraba que se mantén o proxecto a medio prazo da construción dunha autovía entre Pontevedra e Vigo. A Plataforma Cidadá pola Supresión da Peaxe reúnese a noite deste luns para valorar a decisión e ao fío dos primeiros datos valora positivamente o plan e anuncia festa para cando a supresión sexa efectiva.