Carlo Maria Martini, un dos devotos membros do Colexio Cardenalicio, ven de recoñecer nun coloquio co prestixioso ciruxán Ignazio Marino publicado por L'Espresso, o uso do preservativo como un "mal menor" para evitar a propagación da Sida. Estas declaracións van en contra da postura oficial da igrexa que considera que o uso dos condóns implica unha "conducta sexual inmoral".
E moi probábel que o debate entre Marino e o cardenal Martini reabra outra vez este debate. En palabras de Martini, "o esposo aqueixado da Sida ten a obriga de protexer a súa parella e éste tamén debe protexerse". Porén, segundo o cardenal italiano, a cuestión é o lugar que ocuparía este medio de defensa en relación aos medios "moralmente sostíbeis" incluida a abstinencia, que na súa opinión deberían pasar a un segundo plano.
A postura do cardenal italiano está respaldada polos datos que a cotío veñén facendo públicos organizacións como Save the Children, que o mes pasado afirmou que máis de nove millóns de nenos en África perderon a súa nai pola sida. Segundo esta ONG, a escasez de medios de prevención e de detección do virus provoca que moitas mulleres se infecten e sexan conscientes da súa doenza cando xa é demasiado tarde. Estímase que un 4,6% das mozas subsaharianas entre 15 e 24 anos teñen o virus, e que a maioría das 19,2 millóns de mulleres que viven co VIH no mundo xa son madres.