Investíronse xa 102 millóns de euros nos últimos dez anos e a Xunta prepara agora un plan de investimentos de 125 millóns a executar durante seis anos, necesario para "volver darlle a este contorno niveis apropiados de calidade e cumprir coas directivas da Unión Europea neste eido", segundo explicou o conselleiro de Medio Ambiente no Parlamento. Manuel Vázquez avanzou que o plan de saneamento da ría de Vigo inclúe a construción de seis depuradoras e subliñou que se viaxará qe no futuro todos os desenvolvementos da zona "leven contemplados nos seus plans xerais as instalacións que garantan o saneamento das augas residuais urbanas".
"Non sei se isto pode considerarse un tempo excesivo para lograr a restitución aos seus niveis adecuados das augas, o que si sei é que é preciso facelo", recoñeceu o conselleiro de Medio Ambiente ao respecto do que se prevé longo prazo necesario, sei anos, para garantir o completo saneamento da ría viguesa, insistindo en que será o plan "máis ambicioso de Galiza en materia de saneamento para os próximos anos".
O plann presentado este martes no Parlamento váiselle presentar á administración europea, cunha delegación galega que exporá en Bruxelas "un informe minucioso sobre a evolución, estado actual e plan de actuación da ría viguesa, en cumprimento da sentencia do Tribunal europeo que condenou ao Reino de España pola calidade das augas para a cría de moluscos e a falta dun programa de redución da contaminación".
O conselleiro explicou que o problema de contaminación principal a afrontar na ría de Vigo provén "das estacións depuradoras de augas residuais urbanas e de puntos do colector de marxe de ría", apuntando que as industrias conserveiras e os almacéns frigoríficos tamén son contaminantes "pero en proporcións mínimas en comparación coas augas residuais".
Así, relatou que a carga contaminante da depuradora de Lagares "é 800 veces superior á das industrias" e indicou por exemplo que durante o pasado mes de marzo esta mesma depuradora "deixou de tratar preto de 900 litros de augas residuais por segundo, que se foron directamente o río Lagares". Á beira están as depuradoras de residuais de Soutomaior, Redondela e Teis, con tratamentos de desinfección pouco efectivos. Manuel Vázquez asegurou que solucionadas as deficiencias nesas estacións e construída a nova depuradora "vaise solucionar o 90% dos problemas" e que o 10% restante, atribuíbel ao Porto de Vigo e parte do sector industrial, "xa está en vías de solución".