O Parlamento de Galiza aprobou por unanimidade a iniciativa encabezada polo deputado nacionalista, Bieito Lobeira, na que se insta ao goberno galego a realizar as xestións precisas para que a Real Academia Española retire da última acepción do seu dicionario as acepcións vexatorias vencelladas á definición de "gallego" . Lobeira esixiu hai un mes a desaparición do diccionario das acepcións que figuran en quinto e sexto lugar, "tonto" e "tartamudo", lembrando que, ao incluír no seu diccionario estes "insultos colectivos", a RAE está a "darlles plena validez e a oficializados". Segundo o portavoz de Lingua do grupo parlamentario do BNG, estes significados deben desaparecer "por dignidade e respecto ao que somos". Lobeira tamén lembrou que o goberno galego forma parte da Fundación pro-Real Academia e que, polo tanto, está a subvencionar cos cartos dos galegos e galegas as súas actividades, o que subliñou como unha razón máis para "exixir que nos respecten".