Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
PRESIDENTE DA MESA POLA NORMALIZACIÓN

Carlos Callón: "O inmediato é o Estatuto"

Carlos Callón é probabelmente un dos dirixentes máis novos de Galiza e porén ten unha xa longa experiencia tanto na vida política como concelleiro do BNG como na defensa da lingua. Este 17 de maio, A Mesa pola Normalización, organización que el preside dende hai máis de tres anos e que o acaba de reelixir como presidente para outros dous, convoca unha manifestación para reclamar a inclusión do galego como dereito e deber no Estatuto. E faino nuns días en que o ensino, unha das principais batallas da Mesa nestes anos, volve ao eixo do debate cos centros pilotos de primaria e as galescolas. Vieiros entrevista a Carlos Callón.

- 19:16 16/05/2006
Tags:

Tres + dous anos de Callón á fronte da Mesa... En que se concretan?
A directiva que presido entrou cun programa de traballo que tiña como obxectivo conseguir unha asociación máis complexa para responder mellor os retos que ten a lingua e superar mellor as limitacións que ten o tecido asociativo galego. Nese senso, ao longo dese tempo estivemos tentando darlles forma e forza a esas novas seccións da Mesa que non sempre puideron ir coa velocidade que desexabamos. Foi o caso do Observatorio de Dereitos Lingüísticos ou dun dos proxectos estrela, a Fundación Vía Galego.

Iso no plano organizativo... e nas actuacións?
Un dos nosos obxectivos foi conseguir resultados concretos en normalización, entendendo que ao non haber capacidade económica suficiente para facer campañas sensibilizadoras fortes, se a maior parte do esforzo llelo dedicabamos a estas campañas sensibilizadoras, ao final fariamos simplemente testemuñalismo. Por iso optamos por unha liña máis reivindicativa, de grupo de presión se se quere, para conseguir resultados concretos. E nese senso si que vemos con alegría que cando menos conseguimos pequenos éxitos. É o caso do ensino. Aínda que non se está a cumprir a lei, si conseguimos mediante controvertidas denuncias xudiciais contra a inspección educativa, adiantos en material pedagóxico ou que o profesorado comezase a impartir clases en galego que antes non impartía. Outro grande éxito foi o da campaña da banca. Os éxitos non se conseguen dun momento para o outro, non muda a situación da noite para a mañá, e de feito a campaña da banca alongouse un ano e medio, pero nese período conseguíronse resultados tanxíbeis, concretos e prácticos para a lingua. Que Caixagalicia estea a facer case todo en galego ou que Caixanova teña un compromiso por escrito con nós de que se vai galeguizar neste ano son dous resultados moi importantes para a lingua. Podiamos falar doutras moitas cousas prácticas e concretas...

Cales son os retos de futuro para A Mesa?
O inmediato, no que nos estamos centrando, é no Estatuto. Entendemos que se se conseguen incorporar garantías de primeiro nivel ao Estatuto de Autonomía van ser vinte ou vintecinco anos onde non vai ser necesaria a acción da Mesa para reivindicar eses dereitos. Polo tanto, esa non pode ser unha campaña máis e así ten que ser entendido polo tecido asociativo, polo corpo social que defende a lingua galega como un obxectivo estratéxico.

Como tería que mudar o Estatuto para recoller as necesidades que presenta A Mesa?
No Estatuto, como lei orgánica, pode fixarse unha cuestión tan importante como a de que o galego sexa dereito e deber, ao mesmo nivel có castelán. Esta equiparación non sería dende logo indiferente para o uso do galego na administración. Pero tamén pode facer referencia a temas tan importantes como a administración de xustiza. Nestes momentos esta é unha cuestión estatal, regulada pola LOPX, e onde o Estatuto como lei orgánica pode pronunciarse por tanto sobre a obriga de coñecemento do galego para xuíces, fiscais, secretarios, etc. Polo menos desexamos que o que saia do partlamento de Galiza vaia nese senso.

Canto ao dereito e deber de coñecer o galego existe xa un ditame do Constitucional...
Existe unha sentenza do ano 86 que bota para atrás o artigo da Lei de Normalización do ano 83 que fixaba que o galego fose dereito e deber igual có castelán... Segundo a Constitución, no seu artigo tres, as outras linguas españolas serán cooficiais conforme o determinen os seus estatutos de autonomía, e por tanto, a Carta Magna, tanto na letra como no espírito, non nega a posibilidade e si que se articule por lei se o Estatuto non o recoñece. Así se teñen manifestado non só xuristas galegos, mais tamén o Institut de Estudis Autonòmics catalán, ou mesmo Alfredo Pérez Rubalcaba que sinalou que era plenamente constitucional recoñecer o galego, catalán e vasco como dereito e deber. Cataluña está sometida á mesma constitución ca Galiza e no Estatut que se vai someter a referendo figura o catalán como dereito e deber. Galiza e Cataluña están baixo a mesma Constitución, así que cando menos os puntos de partida na redacción do Estatuto deberían ser eses, non se debería colocar unha limitación de partida.

Haberá logo que petar contra o Constitucional?
Seguramente haberá que agardar polo que sucede nos diferentes trámites, pero en principio a Constitución non nega esa posibilidade. Por iso dende A Mesa desexamos que PP, PSOE e BNG retomen a votación que xa fixeron en 1983, pero agora con todas as garantías para que non se poida botar atrás.

A Mesa ten criticado abondosamente a xestión de Marisol López á fronte da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Hai posibilidades aínda de salvar o voso? Que tería que mudar?
Sabemos que as cousas non mudan da noite para a mañá, que hai unhas tendencias moi negativas para a lingua e que hai unhas inercias a nivel institucional que son moi difíciles de superar. Pero o que acontece aquí é que non hai vontade de superar en absoluto nin as inercias que poida ter a administración nin as da lingua. Faltan cuestións tan fundamentais como declaracións da Secretaría Xeral a prol da lingua galega. Pero tamén falta un programa de traballo que de verdade incida nos problemas de base, a comezar polo ensino. E aí continuamos cos problemas que tiñamos hai un ano. E a Secretaría Xeral o único que fixo en todo este tempo foi enviarlles unha circular aos centros de ensino trala presión da Mesa. Nós recibimos con alegría, posto que era unha reivindicación histórica nosa, que se mudase o lugar no organigrama da Secretaría Xeral, pero claro, se antes a Dirección Xeral dependía de Educación e cando menos tiña a obriga de actuar no ensino, agora parece que a Secretaría Xeral actúa unicamente como embaixadora, que ese eixo transversal do que se falaba non fai nada en Galiza e que acaba investindo a maior parte do seu tempo en viaxes e na promoción exterior da lingua. Entendemos que a promoción exterior é algo serio e non ten que deixar de haber leitorados de galego ao longo e largo do planeta, pero entendemos que non é prioritario. Non é prioritario asinar un acordo cunha universidade sen ter un estudo previo sobre cal pode ser a repercusión do leitorado. Non é prioritario crear leitorados para que teñan catro ou cinco alumnos, posto que aquí temos problemas máis importantes e básicos e na casa do ferreiro coitelo de pau. Os problemas de base da lingua galega están aínda sen atacar.

Tamén existe unha comisión de asesoramento da Secretaría, composta por membros dos dous partidos no goberno... Cres que esa estrutura é positiva e funciona correctamente?
O único que sei é que se aprobou recentemente a composición desa comisión.

Si, pero a comisión leva funcionando practicamente dende o nomeamento de Marisol López...
A interlocutora para nós é a Secretaria Xeral de Política Lingüística, non esa comisión. De calquera xeito, á marxe de que ela sexa a interlocutora, nós manteremos as nosas reivindicacións sexa a forza política que for a que ocupe o departamento que se ocupe da lingua.

Se Carlos Callón fose secretario xeral de Política Lingüística, por onde tiraría?
En primeiro lugar, garantir que no ensino se cumpra a normativa actual de xeito inmediato, observar cal é a situación tendo en conta os informes que xa hai e a partir de aí garantir que o curso próximo haxa un decreto que cumpra co Plan de Normalización. Tamén haberá que atender o Plan de Normalización para priorizar aquelas medidas que de verdade teñan maior repercusión social e axuden no obxectivo primeiro de frear a tendencia á caída de falantes.

Porén, parece que as principais iniciativas das asociacións e da administración van dirixidas a protexer os dereitos dos falantes concienciados e non a frear a tendencia á caída de falantes.
O Observatorio de Dereitos Lingüísticos, se se mira o seu manifesto fundamental, comprobarase que non se refire aos dereitos lingüísticos individuais senón aos dereitos colectivos. Obviamente hai que gardar os dereitos dos cidadáns que queiran vivir en galego pero hai tamén unha serie de dereitos colectivos coma o dos nenos e das nenas a recibir un determinado número de horas en galego. Nese senso estamos indo máis alá do dereito individual. Dende A Mesa trabállase en varias frontes e un dos eixos segue a ser o ensino, entendendo que o ensino pode contribuír de xeito decisivo ao obxectivo de combater a perda de falantes... Dentro das capacidades da Mesa o principal é evidentemente presionar a quen ten realmente capacidade política ou orzamentaria para producir mudanzas sociais.

O estudo de Lorenzo e Monteagudo sobre os datos do INE parece determinar que o ensino ten escasa influencia nesas mudanzas de lingua, tanto nun sentido coma no outro. Ata onde terían que chegar os esforzos no ensino para que iso se percibise?
Evidentemente os impulsos comunicativos da sociedade actual non son os de hai cen anos. Un neno e unha nena pasan un número de horas moi importante na escola, e iso condiciona o seu xeito de ver o mundo. Fóra do horario académico reciben moitos impulsos de moi diversa procedencia e sentido... e aí tamén temos o modelo de Cataluña para ver cal pode ser a situación lingüística dos nenos e dos adolescenstes que foron educados na inmersión.

Pero nin a Mesa nin ninguén está propoñendo un sistema de inmersión para a primaria e a secundaria...
A Mesa actúa con tacticismo e posibilismo. Evidentemente cando A Mesa no ano 86 pide que o 25% das materias sexan impartidas en galego polo profesorado, non é porque A Mesa desexe que haxa un 25% senón porque a situación é tan calamitosa que un 25% suporía un adianto. Cando A Mesa na actualidade pide que se cumpra o 33%, non é porque A Mesa desexe un 33% senón por que a situación da lingua continúa a ser calamitosa. Houbo melloras grazas ás denuncias pero iso non quita que a situación sexa moi mala. De calquera xeito se para o curso que vén pedimos ese 50% que marca o Plan, é porque tamén suporía un adianto. E entendemos que para o curso que vén, cos vimbios que hai, podería facerse un cesto que chegase a ese 50% a pesar de que neste momento non se está a cumprir o decreto.

Educación di que non lle dá tempo para o 2007 pero en troques dá dez centros pilotos don inmersión.
Non está demasiado claro que estean a falar de inmersión, porque algunhas fontes da consellaría sinalaron que se referían a centros en zonas claramente galegofalantes, e só deberiamos falar de inmersións cando o ensino é nunha lingua distinta da do ambiente. E de feito, esas dez unidades suporían unicamente o 0,5% dos centros, na actualidade xa existen máis de dez centros de infantil que imparten as clases en galego e, finalmente, o decreto de 1995 xa estabelecía que debería impartirse en galego o ensino infantil en zonas galegofalantes. Pero nós si cremos que habería tempo aínda agora para chegar ao curso 2006-07 con ese 50% que marca o Plan.

Educación condiciona a publicación dun novo decreto a que entre en vigor a LOE.
Non sería necesario e ademais están a aplicar un decreto que está totalmente desfasado. Desfasado na denominación das materias, co que algúns profesores que non imparten as clases en galego se acollen a que o decreto non os obriga porque xa non se denomina así a súa materia; desfasado tamén nos ciclos formativos e na obrigatoriedade de que na formación profesional se impartan en galego todos os contidos relacionados coa inserción laboral, e desfasado tamén no que respecta ao ensino infantil. Dende outubro do ano pasado houbo tempo máis que suficiente para planificar a aplicación do 50% que fixa o Plan, e Vicepresidencia demostrouno coas galescolas.

Pero nas galescolas tampouco se garante o emprego íntegro do galego...
Para nós as galescolas son un importantísimo paso adiante. Ás veces hai que ir máis ou menos amodiño, pero ir no camiño correcto, e as galescolas son moi positivas. Seguramente haberá que acudir a criterios mellores có da escolla dos pais, como poden ser os censos do INE para determinar en qué zonas se imparte clase en galego e en cales non...

Así as garderías de Xinzo estarían en galego e as de Vigo en castelán...
En calquera caso, deberíase garantir que os mínimos de escolarización en galego se cumprisen, e non se están cumprindo, e tampouco na educación infantil. De nde logo, A Mesa si que ten como obxectivo que o galego sexa a lingua vehicular de toda a docencia aínda que despois haxa que deixarlle un espazo ao inglés dentro do currículo. Pero iso serían matices...

Matices?
Si, porque seguramente haberá determinadas materias que se deberían impartir en inglés, non? Ou habería que ver cal é o papel que debe ter a aprendizaxe de portugués no noso ensino. Pero eses son pequenos matices que para nós non son dende logo relevantes, e continuamos a defender o galego como lingua vehicular no ensino.

En relación co portugués A Mesa impulsa a Fundación Vía Galego.
A Fundación era un proxecto estrela pero a persoa que se encargou da súa xestión, Xosé Manuel Sarille, agora presidente de honra da Mesa, non só se encargou da xestión da Fundación, senón que ao ver que A Mesa tiña pendentes tarefas como sanear a base de datos ou conseguir apoios nos concellos, priorizou esoutro traballo. Pero dende a súa presentación preténdese que sexa unha Fundación moi forte, capaz de actuar. Tardouse tempo en presentala para garantir que sexa unha fundación con moita capacidade, porque se ben é certo que en Galiza temos moitas limitacións en comparanza con Cataluña ou con Euscadi, temos tamén moitas potencialidades que aproveitar, como a pertenza ao sistema cultural e lingüístico máis amplo. A Fundación aspira a que esta situación de incomunicación coa Lusofonía se tronce de verdade.


5/5 (1 votos)