Barreiras levantadas e cabinas de peaxe baleiras. Este foi o panorama co que se atoparon os condutores que desde onte á noite percorreron a ponte de Rande desde Vigo ata Moaña e viceversa. A esperada noticia foi recibida con gran ledicia entre os milleiros de traballadores que cada día teñen que cruzar a ría de Vigo. Porén, dos case 46.000 vehículos que utilizan a ponte a diario, só uns 10.000 son usuarios específicos do treito Vigo-Morrazo, polo que os 36.000 restantes que cruzan a ría de Vigo desde ou ata Pontevedra seguirán a pagar a tarifa de 2,65 euros. Aínda así, os case 6 millóns de euros que a Xunta e o estado pagarán cada ano a Audasa polo liberación das peaxes poderían quedarse escasos se unha parte importante dos condutores do tramo Vigo-Pontevedra estivesen dispostos a perder dous minutos por aforrar uns cartos.
A liberalización do treito Vigo-O Morrazo non implica unha redución da tarifa do treito Vigo-Pontevedra. Tendo en conta esta premisa non hai que botar moitas contas para discorrer a forma de aforrar uns cartos nas viaxes entre as dúas cidades máis importantes da provincia. Segundo puido comprobar hoxe Vieiros, non hai ningún tipo de mecanismo que evite que o condutor que viaxe de Vigo a Pontevedra tome a saída de Moaña e retome acto seguido a AP9 no seu camiño cara a capital. Deste xeito, realízase o traxecto Vigo-Pontevedra en dous treitos: Vigo-Moaña e logo Moaña-Pontevedra. Levar a cabo este rocambolesco planning supón unha perda dun par de minutos no total da viaxe, iso si, unha vez na peaxe de Vilaboa a tarifa de 2,65 euros vese reducida a 1,90 presentando o tícket que recollemos ao iniciar o treito Moaña-Pontevedra.
O aforro tamén e "aplicábel" no sentido Pontevedra-Vigo, coa diferenza de que primeiro se paga a tarifa completa en Vilaboa e ao tomar a saída de Moaña un operador devolve os 75 céntimos de diferenza por non ter utilizado a ponte de Rande. Unha vez fora da autopista, só e cuestión de retomar o treito liberado de O Morrazo e Vigo, iso sí, cos 0,75 euros no peto.
Botamos contas, e calculando só os días laborables, un condutor que realice a diario o traxecto entre Vigo e Pontevedra nos dous sentidos podería aforrarse ao ano case 400 euros. De seguro que non son poucos os traballadores que opten por esta picaresca que podería custarlle ata uns 27.000 euros diarios a Audasa, e por extensión á Xunta.
Polo súa parte, a Deputación de Pontevedra, que financiaba o bono peaxe con tres millóns de euros ao ano, reclamou onte a gratuidade para o treito Vigo-Pontevedra e tamén para o Vigo-Redondela. Esta demanda é tamén esixida polo propio concello de Pontevedra.